A segunda edición do festival “O Son do Colleiteiro” chegou ao seu fin na tarde-noite deste pasado sábado na Alameda de Ribadavia cunha gran romaría. Durante catro horas, grupos de música e baile galego, coa actuación estelar de Comando Curuxás, protagonizaron un encontro coa cultura galega, nunha xornada na que os asistentes tiveron a oportunidade de degustar unha escolma dos mellores viños da Denominación de Orixe Ribeiro.
Nesta celebración participaron as adegas Casal das Boas Vides, Adega do Eladio, Adega Monte do Suido, Micropaxares, Adega Cuñas Davia, Adega Son do Arreiro, Adega Celme, Adega Pousadoiro, Casal do Canteiro, Adega Mauro Estévez e Adega Sonos do Desterro. Ademais, tamén houbo á disposición do público un posto de pulpo e instalou mesas para a súa comodidade.
O desenvolvemento deste evento ven a completar as actuacións que se levaron a cabo todos os sábados de xullo e agosto nos viñedos e adegas dos colleiteiros, nas que asistiron unha media de 150 persoas en cada unha destas citas. Así, entre o 4 de xullo e o 16 de agosto, as adegas Casal do Canteiro, Xulia Bande, Pousadoiro, Celme, Cuñas Davia e Arco da Vella, sucedéronse as actuacións respectivas de Kike Carrera, Logan-DJ Loskids, Soul&Roll, Sabela e Benxa, Gabor Grey e Os Tarabelos.
A Asociación de Colleiteiros do Ribeiro aposta deste xeito pola comarca do Ribeiro como lugar para potenciar e atraer a numerosas persoas que desexen coñecer os pequenos proxectos, viños senlleiros e de gran calidade vencellados a historia do Ribeiro. Por outra banda poténcianse a música, a lingua e cultura tradicional galegas como valor e parte esencial de pertenza a historia de Galicia da figura do colleiteiro do Ribeiro, tal e como nos relataba Antonio Míguez Amil, vicepresidente do colectivo.
A Asociación de Colleiteiros está formada por preto de 30 pequenos produtores da comarca do Ribeiro que teñen como fin dar a coñecer e potenciar o territorio, as castes tradicionais, recuperar o patrimonio vitivinícola e a historia e tradición desta comarca, desenvolvendo dunha viticultura sustentable, rexenerativa e en sintonía coa natureza.
















