O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou esta mañá a convocatoria de axudas do Concello do Carballiño destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar para o vindeiro curso académico 2026/2027. Estas subvencións, enmarcadas no compromiso do goberno local coa igualdade de oportunidades e o apoio ás familias vulnerables, contan cunha dotación económica de 40.000 euros procedentes do orzamento municipal.
As axudas están dirixidas ás familias con menor poder adquisitivo que teñan fillos ou fillas cursando Educación Infantil, Primaria ou Secundaria en centros públicos ou concertados do termo municipal. As contías máximas previstas son de 120 euros por menor no caso de Educación Infantil e de 60 euros para o alumnado de Primaria e Secundaria. Estas achegas serán compatibles con outras axudas de natureza semellante, sempre que a suma non supere o custo total do material adquirido.
Poderán beneficiarse as unidades familiares nas que todos os membros estean empadroados no Concello do Carballiño cunha antigüidade mínima de seis meses e cuxa renda per cápita anual non supere os 9.000 euros. Para o cálculo da renda teranse en conta as bases impoñibles xeral e do aforro da declaración da renda do exercicio 2025, ou, no caso de non estaren obrigados a presentala, os ingresos declarados e os datos facilitados pola Axencia Tributaria. Tamén se valorarán circunstancias familiares como situacións de separación ou divorcio, custodia compartida, familias monoparentais, fillos con discapacidade ou casos de violencia de xénero, nos que non se terán en conta os ingresos do agresor.
O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles a partir de mañá, 27 de agosto. As solicitudes poden recollerse na área de Educación (segundo andar da Casa do Concello) e deberán presentarse no Rexistro Municipal do Concello ou a través de calquera dos medios habilitados pola Lei de procedemento administrativo común.

















