As orquestras Combo Dominicano e Olympus animarán as festas do San Cibrao, que contarán con dúas tiradas de fogos e unha sesión de DJ’s para a mocidade

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño honra un ano máis ao seu patrono San Cibrao cunha ampla programación festiva dirixida a pequenos e maiores. Os festexos grandes realizaranse dos días 15 ao 19, pero as actividades comezarán xa o 11 e rematarán o 20 de setembro. Durante 10 días, as rúas da vila encheranse de música, diversión, fotografía, verbena e moita tradición.

A comisión de festas convida á veciñanza a participar e desfrutar da oferta lúdica, así como á poboación doutras zonas da provincia e de Galicia. Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, asegura que os festexos na honra de San Cibrao suporán o “broche de ouro” a un “verán espectacular” no que O Carballiño volveu convertirse no gran protagonista do interior de Galicia. “Estes días aínda vemos un gran ambiente nas nosas rúas, ateigadas de xente chegada de diferentes lugares”, resalta.

As festas terán como principais novidades dúas tiradas de fogos de artificio (a habitual da noite do 16 e unha máis, o 18, adicada á Festa do Pulpo) e a celebración da gran Festa da Xuventude, que será unha continuación da cita levada a cabo o día da Festa do Pulpo.

A programación comeza o venres 11 de setembro coa tradicional inauguración do alumeado e o inicio da Feira da Pepa Loba no barrio de Flores. Esta cita, que rememora a historia da mítica bandoleira galega, estenderase ata o domingo 13 de setembro.

O sábado, día 12 de setembro, terá lugar ás 17,30 horas a inauguración do Arenteiro Fotográfico no Auditorio Manuel María, organizado pola asociación fotográfica O Potiños en colaboración co Concello do Carballiño. Xa pola noite, ás 23,00 horas, actuará o grupo Five Pipers no barrio de Flores. A banda ourensá conta cun estilo único, que fusiona metal con música tradicional galega, punk e folk.

O domingo, día 13, a Praza Maior acollerá a partir das 21,00 horas o concerto de Cervan e Sueños de Ítaca, enmarcado no ciclo ‘Feito no Carballiño’. Ambas agrupacións, moi coñecidas na vila, farán desfrutar, cantar e bailar ao público.

O martes 15 de setembro comezarán os días grandes dos festexos na honra de San Cibrao. A xornada arrancará pola mañá, ás 11,30 horas, co pasarrúas da Charanga Castrobello pola vila, que se repetirá pola tarde, ás 19,00 horas. Por outra banda, ás 18,30 horas será o concerto da Escola Moderna Pulpo Beats. Á noitiña, a verbena correrá a cargo do Grupo Assia na Praza Maior, que comezará o primeiro pase ás 20,30 horas e o segundo ás 23,00.

O mércores, día 16, haberá o habitual Feirón do Carballiño, que contará coa animación musical dun grupo de música tradicional da vila. Ás 20,00 horas actuará a orquestra Gran Parada na Praza Maior, no primeiro pase. Ás 23,00 horas realizarase a gran tirada de fogo fixo e voador no Parque Municipal, unha das citas máis esperadas pola poboación. Ás 23,30 horas, Gran Parada iniciará o segundo pase na Praza Maior, e ás 00,30 horas comezará a actuación da orquestra Combo Dominicano na Praza da Veracruz.

O día de San Cibrao, xoves 17 de setembro, arrancará ás 11,30 horas co pasarrúas da Charanga CLK, que se repetirá ás 19,30 horas polas rúas da vila. A Agrupación Musical de Boborás tamén actuará durante a tarde, que rematará co concerto de Gallaecia Big Band na Praza Maior ás 20,00 horas. Pola noite, a orquestra Olympus será a encargada de poñer a nota musical a partir das 23,00 horas na Praza da Veracruz.

Ao día seguinte, venres 18, será a Charanga Dr.Anchoa a que inicie a xornada festiva cun pasarrúas ás 11,30 horas, que repetirá pola tarde, a partir das 19,30 horas. A xornada continuará coa Orquestra Principal, que actuará na rúa Calvo Sotelo ás 20,00 horas, en primeiro pase, e ás 23,30 horas, en segundo pase. Ás 23,00 horas o Parque Municipal acollerá a segunda gran tirada de fogo fixo e voador, unha proposta moi especial ao estar adicada á Festa do Pulpo, na que participaron milleiros de persoas ao longo das tres semanas de actividades. A Praza Maior acollerá a partir das 23,30 horas a Festa da Xuventude coa célebre discomóbil A Gramola, outra das principais novidades deste ano. O evento, que será unha continuación da cita da Festa do Pulpo, contará coa participación de dj’s tan coñecidos como Saul Gallego, Imcode, Duo y Medio e Diego Valeiras.

O sábado, día 19, é a Gran Romaría da Saleta, a tradicional cita relixiosa á que cada ano acuden milleiros de persoas. Na vila do Carballiño, pola súa parte, realizarase o tradicional Memorial José Luis Blanco de coches clásicos e históricos, que reúne a numerosos afeccionados ao motor e aos vehículos antigos. O evento comezará ás 10,00 horas na Praza da Veracruz. Pola tarde, ás 17,00 horas, terá lugar a Masterclass do recoñecido fotógrafo Mario Cea na Casa da Cultura. A cita forma parte das actividades do Arenteiro Fotográfico.

Xa o domingo, día 20, como broche de ouro da programación, celebrarase o Día do Neno, o que suporá descontos para os máis pequenos en atraccións e xogos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------