Manuel Chan Muñoz, responsábel local do BNG do Carballiño, ven de rexistrar no concello un escrito dirixido ao goberno PP-PSOE no que pide que se fagan públicas as contas da pasada Festa do polbo. Dende a formación nacionalista esíxeselle ao Goberno local a máxima transparencia sobre os recursos públicos e privados implicados nestas xornadas, para que toda a veciñanza poida coñecer tanto os ingresos obtidos como os gastos realizados.
En concreto, o BNG solicita información sobre os ingresos procedentes das achegas de patrocinadores, de administracións e entidades privadas, así como os xerados polos postos, barras, atraccións, actividades e demais concesións ou autorizacións vinculadas á celebración.
Do mesmo xeito, reclámase que se detalle o gasto realizado en cada actividade, actuación, contratación, servizo ou subministración, indicando, cando corresponda, a empresa ou entidade contratada e o importe abonado, tanto nas actividades previas como no propio día da Festa do Polbo. A formación nacionalista fai especial fincapé nos convites aos xantares celebrados no recinto da Festa do Polbo, solicitando que se informe de cantos se realizaron, cal foi o criterio para a súa concesión ou entrega e quen foi responsábel da súa distribución.
En calquera aldea, parroquia ou concello do noso país, unha vez rematadas as festas, a comisión responsábel da súa organización rende contas ante a veciñanza. “O mesmo lle pedimos ao Goberno local que, neste caso, actúa como unha comisión de festas: que explique canto custou a celebración, de onde saíron os ingresos e en que se gastou cada euro”.
Dende o BNG recoñecen que algunha información sobre taxas, orzamentos ou subvencións poidan aparecer en distintos diarios oficiais de xeito disperso (e desfasado), consideran que a Festa do Polbo, ten a suficiente entidade para que o Concello publique un ficheiro específico con toda esta información. É imprescindíbel a máxima transparencia sobre os recursos implicados na súa organización e que a información sexa pública e accesíbel a toda a veciñanza a través do Portal de Transparencia e dos demais medios habilitados a este fin.
Pola banda do goberno municipal, Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e coordinador da organización da Festa do Polbo, subliñou que “o balance das contas da Festa do Pulpo corresponde o servizo municipal de Intervención, que evidentemente aínda o está a elaborar, pero cando estén preparadas vanse facer públicas para coñecemento de todo o mundo, non só en exclusiva para o BNG”.

















