Boborás avanza na recuperación do conxunto patrimonial do Regueiro de Abaixo cun investimento de 84.000 euros

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Boborás continúa avanzando na recuperación integral do conxunto patrimonial do Regueiro de Abaixo, unha actuación que conta cun investimento de 84.000 euros e que permitirá poñer en valor un espazo de especial interese etnográfico e social.

A intervención está financiada nun 80% pola Xunta de Galicia, a través de Agader, e nun 20% pola Deputación de Ourense. O proxecto faise posible tamén grazas á colaboración da veciñanza, que cedeu o espazo ao Concello de Boborás para facilitar a súa recuperación e posta a disposición da comunidade. As obras atópanse xa moi avanzadas e contemplan a rehabilitación de cinco hórreos tradicionais, a recuperación do antigo forno, a intervención na fonte e o acondicionamento integral do contorno.

Ademais da conservación dos elementos patrimoniais existentes, o proxecto busca recuperar este enclave como un espazo útil para a veciñanza, mellorando as condicións de accesibilidade, a contorna e os espazos de uso común, ao tempo que se preservan os elementos propios da arquitectura tradicional e da identidade rural de Boborás.

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e a concelleira Rosy Pérez, acompañadas polo director da obra, César Padrón, realizaron unha visita aos traballos xunto coa empresa encargada da execución e cos veciños presentes, podendo comprobar de primeira man o avanzado estado da actuación e a evolución dos traballos.

Patricia Torres destacou especialmente “a colaboración dos veciños, que fixeron posible esta actuación coa cesión do espazo ao Concello”, e incidiu na importancia de que “administracións e veciñanza traballemos da man para conservar un patrimonio que forma parte da nosa historia e da nosa identidade”.

A alcaldesa quixo tamén agradecer expresamente “o compromiso e a colaboración da Xunta de Galicia, a través de Agader, e da Deputación de Ourense, que fan posible sacar adiante actuacións coma esta e seguir investindo na recuperación e posta en valor do noso patrimonio rural”.

Torres subliñou ademais que “os hórreos, os fornos ou as fontes forman parte da memoria dos nosos pobos e falan dunha maneira de vivir, de traballar e de relacionarse que debemos preservar”.

“O noso obxectivo non é só conservar o patrimonio, senón tamén devolverlle vida e uso aos espazos tradicionais, para que a veciñanza poida desfrutalos e para que as novas xeracións coñezan e valoren o legado que recibiron dos seus maiores”, concluíu.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------