A dirección do Centro Sociocomunitario do Carballiño vén de elaborar un balance de actividades físico-deportivas e o calendario
de inscrición para o bloque de Cultura, Benestar e Desenvolvemento Persoal. Asçi, no eido das actividades físico-deportivas, de saúde e benestar, tras pecharse o prazo de inscrición o pasado sábado, o balance total é de 630 prazas cubertas nas distintas modalidades ofertadas para todo o ano. O prazo de matrícula segue aberto permanentemente para incorporarse á lista de agarda.
En canto ás novas inscricións (Cultura, Benestar e Desenvolvemento Persoal), unha vez pasadas as festas de San Cibrao, ábrese o prazo para o seguinte bloque de actividades. As prazas son limitadas e a adxudicación farase por estrita orde de anotación nos seguintes días: luns 21, para teatro (clases todos os martes ao longodo ano), e o martes 22, para Canto e Pandereta (actividade consolidada con dous grupos: iniciación e perfeccionamento, con clases os xoves pola tarde).
Continuará a quenda de inscricións o mércores 23 para Meditación (sesións os luns ás 18,00 horas) e Habilidades Sociais (clases os mércores pola mañá ou os mércores pola tarde), mentres que o xoves 24 reservarase para anotarse nas prazas de Estimulación Cognitiva e Memoria. Ofertaranse un total de cinco grupos distribuidos así: dous grupos os luns pola tarde, un os xoves, un os mércores e outro
grupo os venres.
Dende a dirección do Centro Sociocomunitario informan tamén de que en datas próximas ou ao longo do ano se irán ofertando outro tipo de
actividades de carácter puntual.
















