O Concello de Ribadavia presentará o vindeiro xoves, 24 de setembro, o seu Plan Local de Economía Social, unha ferramenta destinada a analizar as posibilidades do municipio neste ámbito e establecer liñas de actuación que favorezan novas oportunidades de emprego, emprendemento e desenvolvemento económico e social. O acto terá lugar ás 12,30 horas no Salón de Plenos do Concello e contará coa participación da directora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño, e do alcalde de Ribadavia, César Fernández.
Ribadavia é, xunto con Baiona, un dos dous concellos galegos que participan neste proxecto piloto impulsado pola Xunta. A presentación chega despois da celebrada a pasada semana no municipio pontevedrés e permitirá dar a coñecer o traballo realizado en Ribadavia, así como os obxectivos e as propostas recollidas no documento.
O Plan Local parte da realidade socioeconómica do municipio e aborda as posibilidades que ofrecen fórmulas como as cooperativas, as sociedades laborais e outras entidades da economía social. O seu desenvolvemento busca aproveitar os recursos e capacidades do territorio, apoiar iniciativas emprendedoras e explorar modelos empresariais que combinen actividade económica, creación de emprego e beneficio colectivo.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destaca que “a participación neste proxecto piloto permítenos contar cunha análise específica da realidade local e cunha folla de ruta para transformar as potencialidades de Ribadavia en oportunidades concretas”. Fernández engadiu que “a economía social pode ofrecer respostas especialmente interesantes para un concello como o noso, tanto no apoio ao emprendemento como na creación de emprego e na prestación de servizos ligados ás necesidades do territorio”.
A presentación deste xoves servirá para explicar as principais conclusións do Plan e abrir unha nova etapa orientada á aplicación das medidas propostas, coa colaboración das administracións e dos axentes económicos e sociais.


















