Preto de 20 docentes participaron no encontro formativo “Os Programas de Educación Familiar: sinais de alarma nos menores”, organizado polo Programa de Educación e Apoio á Familia (PEF) do Concello de Piñor, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2021-2027.
A actividade tivo lugar o xoves 24 de setembro ás 16:00h no CPI Virxe da Saleta, e tivo como obxectivo ofrecer ao profesorado nocións básicas para identificar posibles sinais de alarma relacionados con diferentes situacións de desprotección infantil, así como favorecer unha adecuada comunicación e coordinación entre o centro educativo e os Servizos Sociais.
Ao longo do encontro presentáronse indicadores relacionados co maltrato, a neglixencia, a violencia sexual, o abandono, a incapacidade de control da conduta e outras situacións de desprotección, facendo especial fincapé na importancia de observar aspectos como o tipo de dificultade, a súa gravidade ou a frecuencia coa que se produce, evitando interpretar que calquera dificultade debe supoñer automaticamente unha derivación.
A sesión contou cunha boa participación e interese por parte do profesorado, que puido expor dúbidas e situacións concretas que foron abordadas durante o encontro.
Un dos aspectos centrais foi tamén explicar as vías de comunicación ante a detección de posibles sinais de alarma, entregándolles un material de consulta para que podan consultalo no momento no que así o estimen pertinente. Neste sentido, aclarouse que o profesorado debe comunicar as súas percepcións á Coordinadora de Benestar do centro educativo, presente durante a actividade e que neste centro exerce tamén como orientadora. Será posteriormente esta figura, nas reunións realizadas con outro persoal implicado do centro, a encargada de valorar a situación e determinar, en función das características do caso, as actuacións ou derivacións que correspondan.
Deste xeito, diferenciouse entre aquelas situacións que poden requirir a intervención ou coordinación cos Servizos Sociais e outras dificultades que poden ser abordadas mediante a comunicación coa familia e a procura doutras solucións ou apoios.
Desde o Programa de Educación e Apoio á Familia do Concello de Piñor considérase fundamental fortalecer a coordinación entre o ámbito educativo e os Servizos Sociais, facilitando ao profesorado ferramentas para detectar posibles situacións de risco e establecer canles de comunicación claras que permitan actuar de maneira adecuada e temperá.
O encontro dá continuidade ao traballo de colaboración entre o PEF e o CPI Virxe da Saleta en materia de protección do menor, reforzando o compromiso compartido coa protección e o benestar dos nenos, nenas e adolescentes de Piñor.


















