Polo Cárcere de Ourense, lugar de memoria

---------------------------------------------------------------------------------------------------------


---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Colectivos de memoria da provincia reclaman ao Estado que incoe de urxencia o expediente de declaración do vello cárcere de Ourense, que permita adoptar medidas provisionais para protexelo do deterioro e de calquera uso que borre a súa memoria.

OURENSE, 27 de SETEMBRO de 2026.

O 21 de setembro de 2026 o alcalde de Ourense anunciou que proporá a Paradores de Turismo converter o antigo Cárcere Provincial e a Casa de Baños nun parador de vinte habitacións. Non hai proxecto, nin acordo con Paradores, nin estudo de viabilidade. Hai só un novo capítulo no esquecemento dun edificio pechado desde 1987, que se desfai ante a indiferenza institucional, e un silencio case unánime da oposición municipal.

Roberto_Blanco_Torres, escritor e xornalista paseado en Entrimo


Os colectivos de memoria non formamos parte desa contenda electoral, mais non podemos calar ante o que está en xogo: o destino do principal centro de represión da provincia.


Desde xullo de 1936 pasaron polo cárcere da rúa do Progreso centos de persoas detidas por seren republicanas, galeguistas, socialistas, comunistas, anarquistas ou sindicalistas. Só entre o xullo e setembro de 1936 rexistráronse alí máis de catrocentos ingresos. Moitos daqueles presos saíron das celas para seren asasinados en cunetas e tapias de cemiterio. Os seus restos seguen sen recuperarse, e quizais nunca se poidan recuperar. O cárcere é a última pegada física onde se lles pode render homenaxe. A represión continuou durante a posguerra e a ditadura, ata o último preso político que pasou polas súas celas, xa en 1984 (Suso Vaamonde).

Eloi-Romero-coa-sua-tia-Coral, fora presidente do colexio de farmacéuticos da provincia


Non é a primeira vez que se lle promete outro destino. En xullo de 2001 o Concello asinou co Estado o convenio que lle deu a titularidade do edificio, co compromiso expreso de convertelo nun museo da memoria histórica. Aquela proposta contou co acordo da maioría das forzas políticas que hoxe compoñen a corporación. Vinte e cinco anos despois, o compromiso segue sen cumprirse.

Sabemos o que pasa cando se deixa pasar o tempo. Carabanchel foi derrubado en 2008. Noutras cidades o debate eternízase mentres os edificios caen. En Ourense corremos o mesmo risco: agardar a que se apaguen as voces dos últimos presos políticos e que volva a escuridade.

Benito Gallego alcalde republicano de Ribadavia



Lugo marcou o camiño. O BOE do 19 de xuño de 2026 publicou a incoación do procedemento para declarar a antiga Prisión Provincial de Lugo Lugar de Memoria Democrática. Ourense merece o mesmo.

Por todo iso, os colectivos asinantes reclamamos:



Ao Goberno de España, a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática: que incoe con carácter urxente o procedemento de declaración do antigo Cárcere Provincial de Ourense como Lugar de Memoria Democrática, ao abeiro dos artigos 49 a 53 da Lei 20/2022, tal e como se fixo en Lugo (BOE-A-2026-13356). A incoación suporía a anotación preventiva do edificio no Inventario de Lugares de Memoria Democrática e permitiría adoptar medidas provisionais para protexelo do deterioro e de calquera uso que borre a súa memoria.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Á Xunta de Galicia: que, retomando o consenso de 2001, inicie o expediente de declaración do edificio como Ben de Interese Cultural, ao abeiro da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.



O obxectivo común é afirmar o carácter do cárcere como lugar de memoria e patrimonio colectivo dos ourensáns. Calquera uso futuro terá que respectar e explicar o que alí aconteceu.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------