Trátase do denominado “urbanismo de mínimos” que permite a posta en valor de solares baleiros, previndo a acumulación de suciedade e maleza e creando microespazos públicos de encontro veciñal a través de convenios cos propietarios dos mesmos
Ourense, 29 de setembro de 2026. O Pleno do Concello de Ourense correspondente ao mes de outubro e previsto para o venres día dous do mesmo mes, debaterá a proposta do Grupo municipal do BNG de crear microespazos urbanos en solares baleiros da zona histórica.
O Portavoz e candidato nacionalista Luís Seara sinala que “a idea consiste en que a través de convenios cos propietarios dos solares que actualmente están baleiros na zona histórica, o Concello os acondicione para uso e disfrute xeral con pequenas actuacións como é a súa limpeza e adecuación, a instalación de mobiliario urbano e iluminación” e engade, “o obxectivo é crear espazos públicos dinámicos e funcionais que sirvan á comunidade mediante intervencións urbanas deseñadas para integralos na cidade, convertelos en puntos de referencia e mellorar a calidade de vida das persoas”.
No BNG argumentan que os denominados microespazos, “fan referencia a aquelas zonas de proximidade ou pequenos recunchos urbanos, miniparques ou espazos públicos recuperados e deseñados a escala humana”. Ao tempo queren deixar claro que “a proposta parte da sinatura de convenios coas propietarias e propietarios dos solares. Unha vez asinado, o Concello procedería ao seu acondicionamento para o uso e disfrute xeral, mais a propiedade nunca pasaría a ser pública xa que no momento en que esta teña previsto a venda do solar ou a construción nel, o Concello retira todo o mobiliario para que se poida executar dita venda ou obra”.
Seara insiste en que “a proposta leva anos sendo exitosa noutras cidades. O obxectivo é contribuir a manter os solares limpos de maleza e lixo, derrubar muros e aperturar espazos para a veciñanza, espazos adaptados e preparados para o encontro, o lecer e o desenvolvemento de diferentes actividades de pequeno formato en recunchos do barrio agora mesmo abandonados”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
E é que para a Formación nacionalista, cómpre articular medidas que revirtan a situación na que se atopa a día de hoxe a zona histórica. “A degradación e o abandono por parte de quen máis debera protexela, cuidala e potenciala, e dicir, o Concello é algo máis que evidente e palmario”.
“A sangría poboacional xunto ao peche paulatino dos poucos establecementos comerciais que quedan abertos na zona, están a provocar que en pleno centro da cidade, teñamos un área bastante extensa supondo un risco mesmo para a seguridade das persoas con solares cheos de maleza e edificios en estado de ruina ou abandono”.

















