Ribadavia avanza na renovación das rúas e servizos urbanos de San Cristovo cun investimento de máis dun millón de euros

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • A Xunta licitará este ano unha actuación de 1,16 millóns de euros para mellorar as rúas, as beirarrúas e as redes municipais de abastecemento e saneamento
  • César Fernández destaca que o anuncio permite facer realidade un investimento no que o Concello leva tempo traballando

Ribadavia, 30 de setembro de 2026

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia dá un novo paso para mellorar as infraestruturas e os espazos públicos de San Cristovo de Regodeigón coa próxima licitación das obras de acondicionamento da estrada OU-504 ao seu paso polo núcleo. A actuación contará cun investimento de 1,16 millóns de euros e permitirá renovar as beirarrúas e as redes municipais de abastecemento e saneamento.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, confirmou que a Xunta licitará as obras este mesmo ano durante a reunión de traballo que mantivo en San Caetano co alcalde de Ribadavia, César Fernández. No encontro tamén participou a directora territorial da Consellería en Ourense, Pilar Fernández León.

A intervención responde á solicitude do Concello e permitirá acometer o acondicionamento das rúas e das beirarrúas, xunto coa renovación dos servizos urbanos. As obras incluirán tamén a revisión dos demais servizos existentes para avaliar o seu estado e determinar as actuacións necesarias.

O alcalde salientou a importancia deste avance para a veciñanza de San Cristovo e agradeceu a colaboración institucional para sacar adiante o proxecto. “Quero agradecer á conselleira e á Xunta a súa colaboración para sacar adiante un investimento que vai supoñer unha importante transformación de San Cristovo”, afirmou César Fernández.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


“É unha actuación na que levamos tempo traballando desde o Concello e que levaba tempo en tramitación. Hoxe podemos dicir que se vai converter en realidade porque, tal e como anunciou a Consellería, vaise proceder á licitación da obra neste mesmo ano”, engadiu.

A recente recepción da autorización favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil permite avanzar cara á licitación. Este trámite desbloquea o impulso dunha intervención coa que o Concello busca mellorar a accesibilidade, renovar as infraestruturas municipais e ofrecer á veciñanza uns espazos públicos mellor acondicionados.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------