A Agrupación Cultural Avantar anuncia que, a partir do 3 de outubro, poderá visitarse na Casa do Concello do Carballiño, durante o seu horario habitual de apertura, unha selección de láminas do prestixioso ilustrador galego Pepe Carreiro.
A exposición, froito da colaboración entre a Federación Galiza Cultura e a agrupación cultural carballiñesa, reúne arredor de corenta obras do creador vigués. As láminas estarán instaladas nas escaleiras de acceso aos diferentes andares da Casa Consistorial e poderán contemplarse ata o 31 de outubro.
A sátira política e a crítica social constitúen o fío condutor desta mostra, na que o artista ofrece a súa particular visión da sociedade galega do século XXI.
Así mesmo, a Agrupación Cultural Avantar lembra que o vindeiro 24 de outubro terá lugar, no salón de actos do Casino do Carballiño, unha nova edición dos premios «Ernesto Atanasio–O Corcheiro», promovidos pola propia entidade cultural.

















