O pleno provincial aproba a proposta do Psoe en ofrecer aparcadoiro gratuíto no Chuo os doentes crónicos

O PSdeG-PSOE logrou que o pleno da Deputación de Ourense aprobe hoxe unha iniciativa, para ofrecer aparcadoiro gratuíto no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), aos doentes crónicos ou de longa duración. Desta forma e, sempre e cando o goberno de Manuel Baltar execute o acordo, o parking da contorna do Hospital Santa María Nai –propiedade da Deputación– e o localizado nos sotos do Hospital Universitario –propiedade da Xunta– deberán establecer estas prazas de estacionamento libres de pago.

O voceiro, Rafa Villarino, explicou que “non hai outra alternativa” no caso das doenzas crónicas e denunciou, a modo de exemplo, que “as persoas que deben ir a diálise día tres veces á semana, poden ter que pagar ata 150 euros semanais por estacionar”. Tamén destacou que, por exemplo, Alcer ten un acordo con Saba, a concesionaria do aparcadoiro da Xunta, grazas ao que, os seus asociados e asociadas, só pagan 9 euros ao mes. Sen embargo, o acordo non foi posible coa concesionaria do estacionamento da Deputación.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Non debe ser moi difícil acadar acordos cando unha simple asociación foi capaz de facelo, polo que unha institución tamén debe ser capaz, sempre que haxa vontade”, proclamou o voceiro antes de sinalar que o principal obxectivo é “un gran acordo para axudar á xente que máis o precisa”. “Por que Ourense non pode ser como Vigo ou Lugo onde existen aparcadoiros gratuítos?”, insistiu Villarino. “É inxustificable que, ademais de sufrir as súas doenzas, deban sufrir tamén un calvario para aparcar os seus vehículos nun hospital público”, insistiu.

A proposta de acordo, que foi aprobada por unanimidade, reclama á Deputación Provincial a “habilitación de prazas de aparcamento libres e gratuítas no aparcadoiro da súa titularidade situado na contorna do CHUO, destinadas a persoas que estean a recibir tratamentos médicos para enfermidades crónicas ou de longa duración”. Tamén insta á Xunta a facer o mesmo no aparcadoiro da súa titularidade dos sotos do Hospital Universitario.

Na actualidade os centros sanitarios do CHUO ubicados na capital contan dous aparcadoiros de titularidade pública pero de pago, xa que funcionan en réxime de concesión: un na contorna do Hospital Nai con 800 prazas propiedade da Deputación e outro nos sotos do Hospital Universitario con outras 423 prazas propiedade da Xunta. Asemade existen dúas zonas de estacionamento libre, unha exterior e outra nos sotos do novo edificio de hospitalización, para empregados e empregadas que suman unhas 200 prazas máis.

Parque empresarial para o sector agroalimentario

Na mesma sesión os socialistas defenderon outra iniciativa na que reclamaban que o presidente, Manuel Baltar, deixe de “vender fume” desde “hai lustros” e “cumpra cos compromisos anunciados e aprobados polo pleno”. Así pois, puxeron en evidencia como, a pesar da existencia de iniciativas nos anos 2014, 2016 e 2017, o goberno provincial incumpriu a posta en marcha dun parque empresarial vinculado ao sector agroalimentario. Incluso foi incluída nos “presuntos programas electorais de candidatos a presidir a Deputación e tamén foron recollidas en supostos plans de mandato”, advertiron.

A vicevoceira, Elvira Lama, lembrou como Baltar fixo esta promesa en diferentes mítins ou documentos sen facer nada para materializala. “Levamos 7 anos martillando nesa idea e poderemos traela un ano máis para volver a incumprila”, advertiu tras denunciar un “problema de vontade política”. “Tamén me atrevo a propoñer que a ubicación sexa na comarca da Limia pola súa importancia no sector agrogandeiro da provincia”, dixo. Lama resaltou que o proxecto “non se debe demorar máis”, polo que instou a buscar “de inmediato” fondos da Xunta, do Estado ou da UE para a súa execución co fin de “exportar e crecer”. “Queda nas súas mans, presidente”, insistiu.

A moción reclama “deseñar, coordinadamente con outras administracións públicas e co sector privado, a implantación na provincia dun parque empresarial exclusivamente vinculado ao sector agroalimentario”. Igualmente insta ao presidente da Deputación a “cumprir o estipulado no punto 21, artigo 61 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, como tamén o recollido na letra n, punto 1 do artigo 34 da Lei de Bases do Réxime Local, nos que se indican, entre as funcións do Presidente da Deputación, ‘facer cumprir os acordos da Deputación’, con especial atención a todos aqueles que contaron con apoio unánime”. A texto foi aprobado cos votos de todos os grupos da corporación.