O Bng defende o comercio de proximidade e produtores locais no pleno do Carballiño

O BNG propón medidas en defensa da cadea de produción, distribución e comercialización local coa que o concello apoie e defenda aos produtores e comercios de proximidade como motor económico para o Carballiño, xerando emprego no territorio, distribuíndo a riqueza entre máis actores, ofrecendo  prezos competitivos e asentando poboación no rural.

Publicidade

Para o BNG a aposta das institucións públicas debe ser pola sustentabilidade, polo próximo, polo local porque tamén é a mellor maneira de contribuír todos e todas neste momento de crise apoiando un comercio de gran calidade.  “No contexto da actual pandemia agravouse unha situación crítica que xa viñan aturando os comercios e produtores de proximidade.”  Indica a voceira do BNG do Carballiño, Sofía García.

            García  demandará a creación dun censo de produtores locais para que se lle dé difusión precisa entre os comerciantes locais, para favorecer as sinerxias entre ambos e que desde o concello se difunda entre a veciñanza os produtores locais e comercios de proximidade. Así como abrir unha liña de axudas que protexan e axuden  a comerciantes e produtores.

            Para a voceira do BNG non basta con ter un comercio de proximidade, é preciso contar cunha produción local forte: gandeiros, agricultores, artesáns etc que poidan manter a súa actividade e non perdan colleitas ou a súa produción pola dificultade para vendelos nas tendas e mercados locais. Ou que estes mercados e tendas queden desabastecidos de produtos KM0  pola falta de coñecemento dos produtos que se producen e/ou elaboran á súa porta. Pois “en algúns casos, o descoñecemento dos nosos produtores máis próximos déixaos nunha clara desvantaxe ante grandes superficies e provedores moito máis visibles.”

Para o BNG tamén é importante establecer impostos a grandes superficies e comercio online para que estas contribúan dun xeito xusto.   Demandando a creación dun imposto autonómico ás grandes superficies, como  o que xa existe e Cataluña, Aragón e Asturias. E un imposto ao comercio online que compense os gastos municipais que xera: ” se o comercio local paga taxas pola recollida de lixo, o comercio online que xera residuos de paquetería dos que os fondos da administración local se están facendo cargo, tamén debe contribuír ás arcas públicas” declara a voceira nacionalista.

            Desde o BNG consideramos un importante condicionante para a actividade do comercio local o prezo da electricidade tanto para particulares como para  comerciantes e produtores, e como país excedentario na produción de electricidade debera repercutir na nosa factura e voltamos demandar a creación da “factura eléctrica galega”, que abarate o prezo da electricidade.

Sofía García remarca que “o noso obxectivo é que as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio. Que as actividades agrarias, gandeiras, artesáns, a  través da súa transformación e comercialización, sexan un factor de xeración de emprego e dinamización económica neste país. Polo que a cadea de produción, distribución e comercialización de proximidade, ou galega, ten un carácter estratéxico para potenciar a nosa economía e rematar coa dependencia que sofre Galiza tamén no referente ao abastecemento básico de alimentos.”