· O presidente provincial do PP defende os acordos puntuais en beneficio da veciñanza e mantén a súa disposición a colaborar co Concello
Ourense, 7 de outubro de 2026. O presidente provincial do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, considera que o acordo anunciado por Democracia Ourensana e o alcalde de Barbadás confirma unha política de «mercadeo» que utiliza o goberno municipal e a Deputación como moeda de cambio para intereses partidistas: “Eles mesmos o explican, DO volve ao goberno municipal e, a cambio, o alcalde condiciona o seu voto na Deputación ao apoio que recibe en Barbadás”.
Un xeito de facer política que esquece á poboación de Barbadás, subliña Luis Menor, “pois a veciñanza merece que as decisións que se tomen sexa polo seu beneficio”.
O presidente provincial sostén que este movemento responde a unha lóxica partidista e de presión. Fronte a ela, asegura que o PP manterá a liña de colaboración que seguiu co Concello e co alcalde. «Nunca tivemos un pacto permanente. Acadamos acordos puntuais cando entendemos que eran bos para Barbadás e para a provincia», lembra.
Menor agarda que esa colaboración poida continuar e reafirma a disposición do PP ao diálogo. «Se outros deciden impedir acordos beneficiosos para a veciñanza polos seus compromisos partidistas, terán que asumir a responsabilidade e explicarllo á cidadanía», advirte.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O dirixente popular considera que Barbadás necesita unha alternativa á inestabilidade, á falta de rumbo e á confusión que provocan estes movementos. «O municipio non pode seguir pendente de quen entra no goberno, quen sae e que se esixe a cambio, mentres as necesidades da veciñanza quedan nun segundo plano», sinala.
Para ofrecer unha saída, Menor anuncia que o Partido Popular presentará unha candidatura forte, cunha persoa solvente á fronte e un proxecto claro para o municipio. «O noso compromiso é ofrecer un goberno estable, con rumbo e dedicado a Barbadás. Que o futuro da súa veciñanza deixe de depender destes intercambios de apoios entre institucións», conclúe.

















