“O futuro de Ourense non pode depender do calendario electoral do alcalde”, sinalan as socialistas que consideran que a proposta é pouco ambiciosa e reclaman políticas estruturais para recuperar o comercio, a vivenda e a actividade económica da cidade
Ourense, 8 de outubro de 2026. O grupo municipal socialista realizou hoxe unha primeira valoración da proposta do goberno de Gonzalo Pérez Jácome de destinar dez millóns de euros a mercar catro votos.
“Que idea tan novidosa. E, sobre todo, que extraordinaria visión dos intereses estratéxicos de Ourense”, ironizan ao respecto do anuncio do alcalde as edís do PSdeG, que lembran que o rexedor leva semanas dando por gañadas as próximas eleccións municipais nas súas comparecencias públicas.
“Coa seguridade que amosaba estes días da súa vitoria electoral, resulta difícil entender esta necesidade de gastar dez millóns de euros a poucos meses dos comicios municipais. A eficacia electoral destas medidas pode ser discutible ou non. Pero o que queremos saber é que gaña exactamente a cidade”, afirma a voceira e candidata á Alcaldía, Natalia González.
Desde o PSOE advirten de que o debate non consiste en estar a favor ou en contra de axudar ao comercio, senón en determinar se unha nova inxección puntual de diñeiro público constitúe unha resposta adecuada aos problemas que atravesa o tecido económico local.
“Vai conseguir esta medida recuperar os locais comerciais baleiros, facilitar a apertura de novos negocios, mellorar a accesibilidade das rúas comerciais, a mobilidade ou o aparcamento? Vai contribuír á modernización dos establecementos, á súa dixitalización, ou o relevo xeracional e recuperar poboación?”, cuestionan as concelleiras.
Para as socialistas, estas son as preguntas que deberían orientar unha política municipal de desenvolvemento económico. “Ourense non necesita un alcalde que apareza de cando en vez cunha chequera. Necesita unha cidade que funcione, se modernice e mellore”, incide a portavoz.
O grupo socialista lembra, ademais, que a propia documentación municipal recoñece que a situación actual non é comparable coa excepcionalidade da pandemia, que xustificou axudas anteriores. E que o expediente incorpora un informe desfavorable do Órgano de Xestión Económica e Orzamentaria, que advirte dos riscos para a estabilidade financeira do Concello.
Así mesmo, consideran que dez millóns de euros ofrecen a oportunidade de abordar transformacións reais na cidade, desde a rehabilitación e mobilización de vivendas baleiras ata a recuperación residencial dos barrios, a mellora dos espazos comerciais, a accesibilidade e a dinamización económica sostida, tal e como propuxeron en diferentes iniciativas ao longo destes máis de tres anos.
Neste sentido, lembran tamén que o PSOE xa propuxo nos orzamentos municipais un Plan de Vivenda 2026–2030 e avanzan que estudan presentar unha alternativa para priorizar este investimento.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“O comercio necesita clientes hoxe, pero tamén mañá e dentro de dez anos. E para iso necesitamos unha cidade na que a xente poida vivir, traballar e construír un futuro. Un bono de consumo pode incentivar unha compra. Non substitúe unha política económica”, expoñen.
Por último, as socialistas reclaman ao alcalde que explique que resultados permanentes espera conseguir cun investimento desta magnitude e como pretende avaliar a súa eficacia. “Dez millóns de euros son moitos cartos para gastalos sen unha estratexia a longo prazo. Ourense necesita pensar máis alá da próxima convocatoria de axudas e, sobre todo, máis alá das próxima convocatoria electoral”, remata a candidata á Alcaldía.

















