A Formación nacionalista advirte que a zona ten a máxima protección dos valores ambientais e patrimoniais cos que conta na actualidade a Ribeira Sacra
Parada de Sil, 09 de outubro de 2026. O pasado 4 de setembro, os medios de comunicación informaban da posible instalación dunha central hidroeléctrica de bombeo reversible de auga no Concello de Parada de Sil, entre os encoros de San Pedro, no río Sil, e o de A Edrada, no río Mao. Ante esta situación, o BNG de Parada de Sil, reclama o acceso completo a toda a información disponible sobre este proxecto.
Tal e como sinala o Concelleiro Xan Trigo, “denantes de adoptar calquera decisión, cómpre coñecer con detalle todo o relativo ás obras e instalacións que poda conlevar e as súas posibles afeccións sobre a vida da veciñanza, os cursos de auga, a biodiversidade, a paisaxe, o patrimonio cultural e os encoros”.
Trigo lembra que a Ribeira Sacra “é un territorio de extraordinario valor ambiental, paisaxístico, cultural e patrimonial. A súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC), outorgada pola Xunta de Galicia en 2018, xunto a distinción de Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel, concedida pola UNESCO en 2021, obrigan a que calquera actuación con posible incidencia no territorio se analice coa máxima rigorosidade, transparencia e participación pública”.
Asemade, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da UNESCO para o ano 2027, reforza aínda máis a necesidade de preservar os valores singulares deste espazo xa que, segundo o BNG, “este título se lle da exclusivamente a aqueles lugares do planeta que posúen un Valor Universal Excepcional”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os nacionalistas advirten que, por precedentes anteriores, se se leva adiante calquera proxecto deste tipo, a UNESCO, non só pode rexeitar definitivamente esta candidatura a Patrimonio da Humanidade, senón que tamén pode retirarlle o selo xa conseguido de Reserva da Biosfera no 2021. De sucederen, engaden, estas circunstancias poderían supor graves prexuízos económicos para o concello, corazón da Ribeira Sacra e tamén para todos aqueles outros que conforman o BIC Ribeira Sacra e a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, Serras de Oribio e Courel, lugares nos que se leva facéndo desde hai anos, unha aposta moi importante por garantir unha gandeiría, unha viticultura e un turismo sostibles e de calidade.
En base a todo o anterior, desde o BNG de Parada de Sil reiteran a demanda de acceso inmediato á toda a documentación dispoñible sobre esta posible actuación así como o acceso á unha información pública, actualizada e transparente, sobre o proceso de tramitación deste proxecto ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e os demais organismos competentes.















