O feminismo denuncia que as nais seguen sen recibir ningunha chamada malia reiterar semanalmente a súa solicitude de reunión, e lembra que o segundo agresor continúa no centro mentres as alumnas segue relatando episodios de violencia
Ourense, 13 de outubro de 2026. A Marcha Mundial das Mulleres de Ourense volveu concentrarse hoxe diante de Inspección Educativa para reclamar que as familias do IES Xulio Prieto Nespereira reciban información sobre os expedientes abertos por agresións machistas no centro. A organización feminista escolleu de novo este lugar para denunciar que, desde a concentración do pasado 1 de setembro, as nais non recibiron ningunha resposta. Naquela ocasión, un despregue policial impediu o acceso ás dependencias de Inspección, e hoxe, segundo denuncian, a policía volveu estar presente e negou de novo o paso.
Desde a Marcha explican que, despois da concentración de setembro, as nais puideron finalmente subir a Inspección, onde se tomou nota dos seus datos e teléfonos, e rexistraron ademais unha solicitude formal de reunión para coñecer que ía pasar antes do inicio do curso. Esa solicitude reitérase cada semana e, a día de hoxe, non houbo ningunha chamada. “Sabemos que a normativa establece que só as persoas expedientadas poden coñecer a resolución, pero por ética, por educación e porque é o seu traballo, Inspección ten que recibir as nais e mantelas informadas de se esas persoas van estar ou non no centro”, sinalan. A organización feminista maniféstase ademais en contra dun protocolo que impide informar ás familias cando as súas fillas foron chamadas a declarar perante Inspección Educativa.
A Marcha lembra que os avances conseguidos até agora non foron gratuítos, senón froito do esforzo e da exposición das familias, do persoal docente que segue traballando no centro e, sobre todo, das crianzas, que seguen entrando cada día nese espazo. Conseguiuse a suspensión do docente denunciado, aínda que as familias descoñecen por canto tempo e cal foi a resolución do expediente. Ademais, denuncian que o xeito en que se xestionou a súa saída resultou, cando menos, pouco habitual: o día da presentación do curso o docente seguía no centro, ás cinco da tarde a Consellería publicou a vacante do seu posto e ao día seguinte xa había unha persoa substituíndoo. Segundo o colectivo, no centro trasladouse que o profesor está de baixa, o que “deslexitima o relato das propias crianzas e as demandas que as familias levan facendo desde hai máis dun ano”.
O segundo agresor segue no instituto. A Marcha Mundial das Mulleres acode diariamente ás portas do centro ás dúas da tarde, á saída das aulas, e afirma que as alumnas seguen achegándose para contar episodios de violencia, exercida de maneira sutil, a través da manipulación e de comentarios. “As crianzas cóntannos con liberdade e confianza cousas que dentro do centro non se recollen. É triste que non sintan seguridade nun espazo educativo e que as persoas adultas que teñen unha función de protección, non só académica, non se fagan cargo”, denuncian. Subliñan que o feito de que só dúas familias decidisen dar o paso non significa que só haxa dúas vítimas: as propias actas e expedientes de Inspección recollen numerosos nomes de crianzas, mulleres adultas, docentes e persoal non docente que sufriron violencia por parte desta persoa durante anos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Se para mulleres adultas foi durísimo dar un paso adiante e denunciar, moito máis o é para rapazas de doce anos que chegan novas a primeiro da ESO, a un centro grande, con formación profesional e alumnado maior de idade, onde se senten moi pequenas”, explican. “Que estas nenas dean a cara e aínda teñan que seguir vendo a este home polos corredores e escoitando os seus comentarios é insostible”.
Por todo isto, a Marcha Mundial das Mulleres insiste en que os protocolos de actuación ante a violencia machista nos centros educativos non poden tramitarse como un procedemento administrativo común, con prazos longos e tediosos, e reclama medidas cautelares inmediatas. Tendo en conta que un dos expedientes xa está resolto e o outro está a piques de finalizar, esixe que se lle dea axilidade e que, como mínimo, Inspección chame ás familias e as manteña informadas do estado dos procesos. “Non é unha esixencia demasiado elevada”, conclúen, ao tempo que anuncian que seguirán presentes no centro “até que este segundo agresor deixe de estar no instituto, até que as crianzas deixen de estar expostas e ata que os espazos educativos sexan espazos seguros para as nosas fillas”.

















