O BNG de Celanova apoia a reivindicación veciñal dun paso soterrado que volva conectar O Val co resto de Mourillós

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ernesta Seoane reclama unha solución definitiva a un problema de mobilidade e seguridade que a parroquia arrastra desde hai máis dunha década e apoia a recollida de sinaturas impulsada pola veciñanza

Celanova,14 de outubro de 2026. O Grupo Municipal do BNG de Celanova vén de reiterar o seu apoio á veciñanza da parroquia de Mourillós na reclamación dun paso soterrado que permita recuperar a conexión entre O Val e o resto da parroquia, unha demanda que se mantén desde hai máis dunha década e para a que, nos últimos meses, se está levando a cabo unha recollida de sinaturas.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A formación nacionalista lembra que a situación actual ten a súa orixe na construción do enlace coa autovía AG-31. O BNG recoñece a importancia desta infraestrutura para as comunicacións e o desenvolvemento da comarca de Celanova e da Baixa Limia, pero advirte de que o deseño do enlace provocou unha división física da parroquia de Mourillós, eliminando os pasos tradicionais que comunicaban os seus diferentes núcleos.

Antes da execución das obras existían tres vías locais que permitían a circulación peonil e rodada entre O Val e o resto da parroquia e facilitaban o acceso ás vivendas, ás fincas e ás diferentes actividades e servizos da comunidade. Esa conectividade desapareceu coa nova infraestrutura.

Unha rotonda como única alternativa

Na actualidade, segundo explica o BNG, a única alternativa para pasar dun lado ao outro é utilizar a rotonda situada no acceso principal á autovía, unha infraestrutura deseñada fundamentalmente para o tráfico rodado e que carece de beirarrúas, pasos de peóns ou outras medidas específicas para garantir o tránsito seguro da veciñanza.

Para a portavoz municipal do BNG, Ernesta Seoane, “non é razoable que máis dunha década despois siga sen darse unha solución a unha situación que afecta directamente á mobilidade e á seguridade diaria da veciñanza”.

“Falamos especialmente de persoas maiores, crianzas ou persoas con mobilidade reducida, pero tamén de calquera veciño ou veciña que simplemente queira desprazarse dunha parte da súa parroquia á outra sen ter que facelo por unha infraestrutura pensada para vehículos”, sinala Seoane.

A falta dunha conexión segura afecta ademais ao acceso a propiedades agrícolas, vivendas dispersas e servizos comúns, xerando un problema que vai máis alá da mobilidade e que ten tamén consecuencias sociais e económicas para as familias da zona.

Máis dunha década reclamando unha solución

A veciñanza leva máis de dez anos reclamando unha alternativa que permita recuperar unha comunicación segura entre O Val e A Devesa, restablecendo parte da conectividade que existía antes da construción do enlace da AG-31.

Nos últimos meses, esta reivindicación deu un novo paso coa recollida de sinaturas a favor da construción do paso soterrado, unha iniciativa veciñal que conta co respaldo do BNG de Celanova.

“Esta recollida de sinaturas demostra que non estamos ante unha reivindicación puntual nin partidista. Existe unha demanda veciñal sostida no tempo que precisa dunha resposta por parte das administracións competentes”, defende a portavoz nacionalista.

Iniciativas no Concello e no Parlamento galego

O BNG lembra que esta reivindicación xa foi trasladada tanto ao ámbito municipal como ao Parlamento de Galiza.

En xullo de 2025, o Grupo Parlamentar do BNG presentou unha proposición non de lei para instar á Xunta a executar as actuacións necesarias que permitan habilitar unha conexión segura entre O Val e o resto de Mourillós. Paralelamente, Ernesta Seoane levou tamén esta demanda ao Pleno de Celanova mediante unha moción para reclamar unha solución á situación.

Para o BNG, o obxectivo debe ser que Xunta e Concello impulsen as actuacións necesarias para estudar e executar unha solución definitiva, garantindo tanto o tránsito peonil como o acceso ás propiedades e recuperando a conexión interna da parroquia.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


“Unha infraestrutura de interese xeral non pode deixar como consecuencia permanente que unha parroquia quede dividida e que a súa veciñanza teña que asumir riscos para realizar desprazamentos cotiáns. O que pedimos é unha solución segura, definitiva e tecnicamente viable”, conclúe Ernesta Seoane.

O BNG de Celanova anuncia que continuará apoiando as iniciativas da veciñanza e trasladando esta demanda ás diferentes administracións ata conseguir que se habilite un paso seguro que permita volver conectar O Val co resto da parroquia de Mourillós.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------