Esta mañá presentáronse no Bispado de Ourense o himno, o cartel, o logotipo e a oración do Ano Xubilar da Vera Cruz, así como a Carta Pastoral que o bispo de Ourense entregará aos fieis na apertura solemne. A apertura, presidida por Mons. Lemos Montanet, será o sábado 31 de outubro ás 11:00 horas. O Ano Xubilar desenvolverase do 31 de outubro de 2026 ao 17 de setembro de 2027.
Na presentación, Mons. Leonardo Lemos sinalou que o Ano Xubilar da Vera Cruz é un “acontecemento relixioso, cultural e social extraordinario” e un proxecto que saíu das bases e foi acollido polos sacerdotes. Explicou que a proposta lle pareceu moi interesante, que a fixeron chegar a Roma e que Roma respondeu concedendo o Ano Xubilar.

No acto presentáronse o himno, o logotipo, a oración e o cartel do Ano Xubilar, que coincide co 75 aniversario do Templo da Vera Cruz e co 125 aniversario da chegada da reliquia da Vera Cruz a O Carballiño.
O párroco de O Carballiño, D. Jorge Juan Pérez Gallego, afirmou que este Ano Xubilar é “moi importante para a parroquia” e un “tempo de graza, devoción e misión pastoral”, e destacou que “é unha ilusión para todos”. Na mesma liña, o alcalde de O Carballiño, Rafael Castro Gil, cualificou o Ano Xubilar como un fito e un orgullo para os veciños, e agradeceu o traballo da Diocese e da parroquia.

O próximo 31 de outubro estrearase o himno realizado polo músico carballiñés Abraham Santiago Reboredo, que manifestou estar “feliz” como carballiñés por facer este himno na súa terra e así “aportar ao pobo e á Diocese de Ourense”. O cartel e o logotipo foron deseñados por Gabriel González Pérez, baseándose na cruz realizada por Antonio Palacios.
O Ano Xubilar comezará cunha procesión solemne desde a igrexa do Asilo ata o Templo da Vera Cruz, coa Real Banda de Gaitas da Deputación, corais e a estrea do himno.
















