O Concello de Ribadavia avanza na posta en marcha dun novo centro de día para persoas maiores, situado no número 26 da rúa Extramuros e que será xestionado pola concesionaria Arraigo S. L. A previsión é que entre en funcionamento antes de que remate o ano e está proxectado para atender ata 60 persoas.
O servizo ofrecerá atención profesional durante a xornada, transporte porta a porta e comedor. A programación incluirá actividades dirixidas a frear o deterioro físico e cognitivo, promover a autonomía persoal e combater a soidade, cun modelo de atención centrado na persoa e adaptado ás necesidades de cada usuario ou usuaria.
O proxecto conta cun informe técnico favorable da Xunta de Galicia, que conclúe que a documentación presentada cumpre os requisitos específicos da normativa sectorial de centros de atención a persoas maiores. O informe recolle unha capacidade autorizable de 60 persoas e avalía as condicións materiais e arquitectónicas das instalacións.
O centro ocupará un local de máis de 330 metros cadrados útiles, con acceso para persoas con mobilidade reducida, dúas salas polivalentes para actividades, sala de curas, cociña, aseos adaptados e dependencias para o persoal. O horario previsto será de 8:00 a 19:30 horas.
O alcalde, César Fernández, destacou a importancia deste recurso para que as persoas maiores poidan seguir vivindo na súa contorna e para apoiar as súas familias. “Queremos que as persoas maiores de Ribadavia poidan seguir vivindo na súa contorna e dispoñan dos coidados e do acompañamento que precisan”, sinalou. Ademais, engadiu que o centro tamén dará ás persoas coidadoras “tempo e tranquilidade”.
As persoas interesadas en recibir máis información ou reservar praza poden dirixirse á oficina de Servizos Sociais de Ribadavia ou contactar a través do correo arraigocentrodedia@gmail.com.
















