A Xunta lembra que está aberto o prazo para as subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos

Esta mañá o delegado territorial da Xunta visitou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cartelle

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal antes do  7 de marzo que remata o prazo
  • O delegado territorial significou que pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta mantén o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos nos orzamentos de 2023

Ourense, 03 de marzo de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Jaime Sousa, visitou esta mañá a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Cartelle, unha das beneficiarias das subvencións en 2022 ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes (orde de funcionamento) con preto de 1.300 euros; e que na provincia de Ourense supuxo un total de preto de 108.000 euros, repartidos  en 65 concellos e mancomunidades.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial aproveitou a súa estadía en Cartelle para anunciar que está aberto ata o 7 de marzo o prazo de solicitudes desta mesma orde na edición de 2023 (DOG do 7 de febreiro) e que estas  presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal., e lembrou que esta AVPC recibiu un vehículo na convocatoria anterior a través da orde de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes.

Explicou Gabriel Alén que as subvencións poderán ser destinadas ao equipamento e vestimenta persoal de uniforme, aos equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible; a gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil; a gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos; ao pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC; a gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes e ao equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Compromiso da Xunta

O delegado territorial significou que pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta mantén o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos nos orzamentos de 2023. Así, destínase 1 millón de euros a dotalos do equipamento necesario, que se suman ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009 e dos que 14 millóns corresponden ás AVPC.

Ademais de colaborar en equipar os efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, a Administración autonómica leva investidos 4 millóns de euros nos seus gastos de funcionamento a través da liña de axudas anual que en 2023 se volverá a renovar mantendo a contía de 340.000 euros.

O Goberno galego tamén asume máis da metade do custo anual de mantemento dos GES co obxectivo de mellorar o mapa de emerxencias da comunidade, polo que reserva nas contas deste ano a partida necesaria para renovar o convenio coas deputacións de Lugo e A Coruña e os concellos desta provincia que venceu a finais de 2022.