O BNG denuncia que a Xunta incumpriu a promesa de licitar o novo Centro de Saúde do Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, acompañada de Manuel Chan, candidato do BNG á Alcaldía do Carballiño, e membros da agrupación local, denunciou que a Xunta incumpriu o compromiso de licitar o novo Centro de Saúde do Carballiño no primeiro semestre de 2026. Segundo Presas, o conselleiro de Sanidade prometeu esa licitación a instancias do BNG no Parlamento, pero a dous meses de rematar o ano “non hai nin proxecto, nin orzamento, nin se tirou a estación de buses”.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A deputada cualificou a situación de “absoluto escándalo” e recordou que é unha demanda histórica da segunda vila máis importante de Ourense. Sinalou que, despois de anos negando a necesidade, o PP prometeu o centro en 2021 e que cinco anos despois “non temos nin a primeira pedra”. Para o BNG, resulta especialmente escandaloso que nese tempo avanzasen os CIS de Lugo, Vigo e Lalín, que xa son unha realidade, mentres seguen pendentes tanto o CIS de Ourense como o Centro de Saúde do Carballiño, anunciado tamén como Centro Integral de Saúde.

A formación nacionalista subliñou que non se trata dun capricho, senón da necesidade de resolver os graves problemas de infraestruturas e dotación do centro actual, tras anos de queixas veciñais, reclamacións dos profesionais, mobilizacións masivas e queixas á Valedoría do Pobo.

O BNG engadiu que, aínda que segue pensando que o lugar non é o mellor, unha vez resolto o problema da localización e da adaptación das normas urbanísticas “non ten xustificación que siga atrasándose”. Considera que todo parece unha “manobra do goberno de Rueda” para volver anunciar o centro antes das eleccións municipais. Por iso, reclama respecto á veciñanza, esixe a licitación inmediata e anuncia emendas aos orzamentos de 2027 para blindar unha partida específica.

Finalmente, Noa Presas indicou que o BNG presentou iniciativas para corrixir as insuficiencias de persoal e servizos, singularmente aumentando a dotación de horas, horarios e profesionais nas áreas máis necesitadas de reforzo, como pediatría, matronas, xinecoloxía e radioloxía.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------