A Deputación tramita a subministración de 97 bancos e 5 marquesiñas para 20 concellos da provincia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Segundo as bases deste programa de cooperación, publicadas no BOP o pasado 31 de agosto, a institución provincial financia o 50% do custo de adquisición deste mobiliario urbano, mentres que os municipios asumen a achega restante, o transporte e a instalación

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A relación de distribución contempla cinco novas marquesiñas para Boborás, Ramirás, Melón, Muíños e Pereiro de Aguiar, e quedan dispoñibles 35 bancos

Ourense, 16 de outubro de 2026.

A Deputación de Ourense tramita a subministración de 97 bancos e cinco marquesiñas para 20 concellos da provincia, no marco do programa de cooperación provincial para a dotación de mobiliario urbano. Esta liña de asistencia económica, técnica e material permite aos municipios acceder a estes equipamentos mediante un sistema de cofinanciamento ao 50 % do seu custo de adquisición.

A relación de distribución inclúe os concellos de Rairiz de Veiga, Cartelle, Boborás, Ramirás, Larouco, Melón, Lobeira, Muíños, Beade, A Arnoia, Xunqueira de Espadanedo, Punxín, Cualedro, Baños de Molgas, Chandrexa de Queixa, Pereiro de Aguiar, A Mezquita, A Bola, Avión e Castrelo de Miño.

Cada un destes municipios figura con cinco bancos, agás A Arnoia, con catro, e A Mezquita, con tres. As cinco marquesiñas corresponden a Boborás, Ramirás, Melón, Muíños e Pereiro de Aguiar. Sobre unha dotación de 132 bancos e cinco marquesiñas, quedan dispoñibles 35 bancos.

As bases do programa, aprobadas pola Xunta de Goberno provincial o 17 de agosto e publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 31 de agosto, establecen un máximo de cinco bancos e unha marquesiña por concello e ano natural. Para o exercicio 2026, a achega municipal por unidade é de 121,75 euros máis IVE no caso dos bancos e de 1.246,14 euros máis IVE no das marquesiñas.

A Deputación encárgase da adquisición dos equipamentos, mentres que os concellos deben recollelos no Parque de Maquinaria provincial e asumir o seu transporte e instalación. No caso das marquesiñas, os municipios deben dispoñer previamente da base de cimentación esixida nas condicións técnicas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O mobiliario debe instalarse en terreos de titularidade municipal ou, cando pertenzan a outra administración, contar coa correspondente autorización. Os concellos deberán acreditar a instalación mediante documentación fotográfica e a validación das coordenadas, así como manter os equipamentos no emprazamento indicado durante un mínimo de cinco anos.

As solicitudes tramítanse a través da sede electrónica da Deputación e resólvense por orde de presentación da documentación completa e correcta, condicionadas á dispoñibilidade de unidades e de crédito.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------