Noa Presas: “Os orzamentos 2027 son un remix de promesas incumpridas sen propostas novas”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“OS ORZAMENTOS 2027 SON UN REMIX DE PROMESAS INCUMPRIDAS SEN PROPOSTAS NOVAS“

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Presas: “a Xunta do PP ofrece un Ourense conxelado nas eternas promesas dun edificio administrativo, un CIS e unha morea de obras menores que nunca se fan mentres non hai nin novos centros de saúde, nin residencias de maiores públicas nin propostas de impulso económico”.

Para o BNG “é un insulto que despois da mobilización masiva do Barco de Valdeorras non haxa un só euro para o Hospital máis alá dos gastos de funcionamento”

Ourense 19/10/2026. A deputada nacionalista por Ourense e portavoz de Facenda no Parlamento Galego avanzou unha primeira valoración do Proxecto de Orzamentos para 2027 que a Xunta vén de remitir ao Parlamento Galego para a súa tramitación alarmada porque “nin sequera antes dunhas eleccións e podendo ser os últimos orzamentos da lexislatura hai unha soa medida que cumpra coas demandas de Ourense en materia de servizos públicos ou impulso económico”.

Presas afirma que “é impresentable que estes orzamentos volvan prometer os mesmos dous millóns de euros que non se executaron para o edificio administrativo ou para vivendas públicas, que repita as mesmas partidas do ano pasado para a recuperación dos incendios demostrando a súa falta de aplicación”.

Para o BNG “é especialmente escandaloso todo o que ten que ver coa sanidade, vemos un recortazo de 11 millóns de euros no Plan Director do Hospital, que baixa de 35 millóns a 24 cando o novo edificio de hospitalización tiña que estar feito de hai dous anos e o Materno nin sequera está demolido ano e medio despois do escandaloso derrube. Para máis inri repítese a partida de urbanización e do novo vial de acceso, sen unha soa novidade en toda a lexislatura e xa o colmo dos colmos é que se recorte a partida dun CIS que a Xunta afirmou ter paralizado… se está paralizado para que pintan nos orzamentos 600.000 euros onde había máis dun millón? Para facer que fan”?

A partir da primeira análise do Proxecto de Orzamentos para o BNG “está confirmado o abandono do Partido Popular ao Centro de Saúde do Carballiño, que afirmou ía licitar nos seis primeiros meses de 2026 e que nin sequera ten unha partida asignada, apenas unha mención na memoria económica que non significa nada e que leva aparecendo case unha década mentres na vila segue en pé a estación de buses vella onde debería ubicarse” e así mesmo “nin un só euro para o necesario centro de saúde do Vinteún”.

Para o grupo nacionalista “estes orzamentos amosan a folla de ruta do Partido Popular que despreza Ourense: nin xestión pública do CAPD nin novas residencias de maiores, máis promesas dun Plan Director sen executar e ao mesmo tempo sen medidas no impulso económico, sen partidas específicas para abordar tampouco o grave problema de temperaturas que vive esta parte do país, nin para arborizar Ourense nin para prever danos persoais nin para preparar o sector primario para esta situación”.

Así mesmo, un ano máis “afonda na parálise termal de Ourense, nin un euro máis para investigar ou para reparar e reabrir as instalacións que foron pechando nin para rescatar e reparar a casa de baños despois da neglixente xestión de Xunta e Concello”. Por estes motivos, o BNG emendará o proxecto nas próximas semanas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------