Un novo informe do Observatorio Económico reflicte que o número de ocupados en Ourense supera xa o 90 % da poboación activa

A plataforma estatística da Deputación de Ourense realiza un detallado estudo das diferentes variables que recolle a última EPA, observando que a evolución positiva chega tamén á poboación nova e ao emprego feminino, sendo maior que a media galega o nivel de confianza que teñen as persoas non activas en atopar traballo 

Un 13,5 % das mulleres non buscan traballo por ter que coidar nenos ou maiores, fronte ao 2,4% dos homes, mentres que a nómina das pensións ascendeu en outubro a 82 millóns de euros, un 25,8 % superior á de 2012 na comparativa a dez anos 

AVANTAR ACTIVIDADES

As 117.600 persoas ocupadas na provincia de Ourense segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do 2021, non só supoñen o maior numero de ocupados desde o ano 2011, senón que permite que a taxa de ocupación sobre as persoas activas supere o 90 % (90,18 %), e con iso que a taxa de paro sobre activos quede por baixo do 10 %, cifras non acadadas con anterioridade na provincia na actual serie de datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) e que se sitúan por riba das do conxunto de Galicia. Unha mellora que se observa tamén no resto de indicadores sociolaborais da provincia, como o incremento das horas efectivas traballadas, da actividade feminina e na poboación mais nova, o fortalecemento da ocupación en moitos dos sectores estratéxicos para a economía ourensá ou a diminución da porcentaxe de fogares sen perceptores de ingresos. 

Así se reflicte no último informe do Observatorio Económico Ourensán (OEOu), a plataforma de análise estatística e de transferencia de información da Deputación de Ourense, que fai un detallado estudo das diferentes variables que recolle a última EPA, en especial sobre a situación das persoas que carecen de actividade.  

A EPA do terceiro trimestre sinala 138.000 persoas non activas en Ourense, o que supón tamén a mellor cifra dos últimos dez anos. No mesmo período do 2020, o número era de 140.400 e no 2019 (polo tanto anterior á crise da covid) o dato era de 141.800. No último decenio, no terceiro trimestre dos exercicios 2013 e 2014 chegaron a contabilizarse 149.100 inactivos. 

Uns datos nos que incide de maneira determinante a realidade demográfica e os 94.000 pensionistas da provincia, unha cifra que se mantén estable e que ten aportado á renda dispoñible en outubro 82 millóns de euros, o maior importe ata hoxe debido sobre todo á mellora da pensión media, actualmente nos 766,6 euros, un 25,8 % máis que a do mesmo mes do 2012 na comparativa a dez anos. 

Así, mentres que número de persoas non activas supera ao de activas a nivel global na provincia (a porcentaxe entre inactivos sobre activos é do 105,8 % en Ourense fronte ao 88,9 % en Galicia), se nos cinguimos ao grupo de persoas en idade de traballar a porcentaxe de activos sobre inactivos en Ourense é do 65,74 %, superando así o 64,16 % do conxunto de Galicia neste último trimestre e “mostrando as cifras unha evolución claramente positiva no caso da provincia de Ourense en comparación coas cifras do mesmo período de 2019”, como indica o documento do OEOu. 

Ao afondar nestes datos, o estudo aconsella poñelos en relación á realidade demográfica provincial e mesmo á súa condición socioeconómica, xa que no caso de non situalos neste contexto sería moi doado caer na simplificación e mesmo no “edadismo”. Salienta así que hai unha clara desigualdade laboral por xéneros, xa que “seguen asumindo maioritariamente as mulleres os coidados de nenos, maiores e/ou incapacitados”. Pero tamén, como feitos positivos, destaca a diminución da desconfianza en atopar traballo “que é inferior á porcentaxe galega e do conxunto de España”, así como “o forte impacto da xubilación no número de non activos na provincia, que se ve reflectido na importancia da nómina das pensións que aportan á economía provincial”. 

Dos 138.000 inactivos, o 10,3 % son estudantes; o 68,4 % son xubilados; e o 14,2 % dedícase ás labores do fogar, mentres que en situación de “outros” ou no epígrafe de “non sabe, non contesta” sitúanse o 6,7 % e o 0,2 %, respectivamente. 

O Observatorio Económico incide en que a inactividade laboral é sobre todo feminina, especialmente na idade de 35 a 60 anos “polo peso da franxa de idade na dedicación ás labores da casa e á concentración desta situación nas mulleres”. Por exemplo, entre os homes unicamente o 2,4 % explica que o motivo de non buscar traballo é o coidado de nenos ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores. Non obstante, nas mulleres é do 13,5 %, unhas porcentaxes que se asemellan ás de Galicia e ás do resto de España. 

Para explicar os motivos polos que os inactivos da provincia non buscan traballo, excluíndo as razóns non clasificables ou a xubilación, a máis importante “é a enfermidade e incapacidade”, mentres que no resto Galicia e en España o principal motivo “é cursar estudos ou recibir formación”. Por outra parte, o informe alude a que a opinión de que non van atopar traballo “é a menor de toda a última década neste período e inferior á media de Galicia e España”.