Nota informativa
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026.- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, mantiveron hoxe en Santiago de Compostela unha reunión para avaliar posibles medidas de mellora do abastecemento no municipio.
Na xuntanza, o alcalde trasladou á conselleira o proxecto que propón o Concello para reforzar o servizo mediante unha captación superficial no río Avia. A actuación incluiría, entre outros elementos, unha estación de bombeo e unha condución de impulsión ata a estación de tratamento de auga potable (ETAP).
Pola súa banda, Ángeles Vázquez indicou que o persoal técnico de Augas de Galicia estudará o proxecto municipal para determinar a súa viabilidade técnica e as posibles vías de colaboración para o seu financiamento.
Cómpre lembrar que as competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de augas son municipais, aínda que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, presta apoio técnico e económico aos concellos galegos para contribuír a que exerzan estas competencias do xeito máis eficiente e presten servizos de calidade á súa veciñanza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático









