O Encontro Literario de Ourense (ELO) celebrará a súa novena edición os días 30 e 31 de outubro no Carballiño, cunha programación que se amplía por primeira vez a dúas xornadas e que reunirá máis de 50 participantes arredor dos libros e do Samaín. A cita, con entrada gratuíta, desenvolverase na Praza Maior e no Auditorio Municipal e contará con participantes de distintos puntos de España, como Málaga, Barcelona ou Madrid, ademais de persoas do propio concello.
A programación foi presentada polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, acompañado polas escritoras e organizadoras Elizzie Quintas e Cristín Ferro. Fernández destacou o crecemento dunha convocatoria que atrae á vila autores e profesionais do ámbito literario e salientou que a proposta vai máis alá das presentacións de libros ao incorporar debate, humor e intercambio entre distintos axentes do sector.
A principal novidade será a xornada do venres 30, que levará á Praza Maior un encontro entre escritores e lectores de 17.30 a 21.30 horas. En colaboración co Concello, celebrarase tamén unha queimada popular co seu conxuro, aberta tanto aos asistentes ao ELO como á veciñanza e aos visitantes. Segundo Elizzie Quintas, esta ampliación responde a unha petición que os autores viñan trasladando á organización.
O sábado 31 a programación desenvolverase no Auditorio Municipal, situado na avenida do Balneario, 28, cunha sesión de mañá e outra de tarde. A recollida de acreditacións comezará ás 9.00 horas e, tras a benvida, sucederanse os bloques de presentacións literarias “Fogatas rituais” e “A Santa Compaña”. Ás 11.45 horas terá lugar “Peto das ánimas”, unha mesa de debate conducida polo padriño desta edición, Javier Romero, tamén coñecido como Devil Scott, na que participarán voces de distintos ámbitos do mundo do libro, como Seu Bermúdez.
A sesión matinal incluirá tamén unha saída á destilería artesanal J. R. O Aguardienteiro, en Leiro, cunha visita e degustación prevista de 12.55 a 13.55 horas. Pola tarde, o Auditorio abrirá as súas portas ás 16.45 horas; ás 17.15 horas celebrarase a presentación do padriño e ás 17.45 horas entregaranse os premios dos concursos. De 18.15 a 18.45 horas haberá un xogo participativo inspirado no terror e no Samaín.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os bloques literarios “Culto ós mortos”, de 19.00 a 19.45 horas, e “Ofrenda ós difuntos”, de 20.00 a 20.45 horas, completarán a tarde, coa participación, entre outros autores, de Óscar Vázquez Lima. A programación inclúe tamén un concurso de disfraces e sorteos entre as distintas actividades. A despedida da novena edición terá lugar de 20.55 a 21.00 horas, tras dous días de convivencia e intercambio arredor da lectura e da creación literaria.
















