Terras do Carballiño e os seus escritores (XXXIV) : “José Manuel Vázquez Senra”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

34-TERRAS DO CARBALLIÑO E OS SEUS ESCRITORES. José Manuel Vázquez Senra (Pobra de Trives, Ourense, 1888-Santiago de Compostela, A Coruña, 1972)

Figura singular do gremio dos ensinantes en tempos pouco doados para un mestre que, entre os anos 40 e 50 do XX deixou pegada no Carballiño a onde arribou en 1946, desde as viguesas Escolas Graduadas do Areal, “motivado pola implacable fame da posguerra e certos problemas de saúde”, como lembra seu fillo, o xornalista e escritor carballiñés Benxamín Vázquez (nº 3 da serie, abril, 2021).

Xa mantiña vínculos previos coa vila, pois casara nela en 1942 con Marina González Álvarez, da familia das “benjaminas”.

Ampliou estudos na Escola Superior de Maxisterio de Madrid entre 1914 ao 1916, na sección de “profesores especiales” onde coñeceu a pedagogos da Institución Libre de Enseñanza, cunha metodoloxía que ditou a súa traxectoria posterior.

Benxamín anota que seu pai “recibiu a Cruz del Mérito Militar (1ª clase) por servicios extraordinarios y relevantes de la enseñanza de reclutas analfabetos en el transcurso de cinco años”, como se recolle na folla difusora do seu “Curso de Escritura-lectura”. Tamén foi o único mestre que impartía clases nocturnas para alfabetización de adultos no Grupo Escolar do Carballiño.

Tal como advirte a súa neta, a psicopedagoga Alba Vázquez Paz (filla de Benxamín e sobriña de José Vázquez, que fora director da Biblioteca Municipal do Carballiño), nun estudio académico centrado no avó, “foi un pioneiro na aplicación do método simultáneo de escritura-lectura; quixo manter os procedementos renovadores da Escola Activa (malia que no franquismo tivo que renunciar a eles), e foi un magnífico calígrafo e debuxante, que aplicou sempre a súa habilidade para a caligrafía e o debuxo á Pedagoxía (…).

Deixou obra escrita e publicada (…) ademais de asinar numerosos artigos en xornais galegos, sobre todo no Faro de Vigo, onde foi responsable da páxina pedagóxica de 1927 a 1930”.

Conforme ao seu ideario, promoveu a obra “Curso de Escritura-lectura”, publicada en 1934 e da que houbo anteriormente dúas edicións (todas as letras e debuxos foron da súa autoría, igual cas 50 planas do Curso).

Aínda despois de xubilado, segundo Benxamín, “andaba a voltas cun método para o ensino da Historia da Arte, dirixido aos rapaces de entre 12 a 14 anos; pero quedou só nun intento, daquela difícil -por non dicir imposible- de implantar”.

Seguidor da renovadora Escuela Activa ou Escuela Viva (impulsada desde finais do XIX por pedagogos como John Dewey, María Montessori e Célestin Freinet, promovían o desenvolvemento integral do estudante) “nunca mallou en ningún alumno, nin puxo a ninguén contra a parede nin de xeonllos, nin mandou copiar palabras ou textos múltiples veces, ademais de evitar os berros.

Tampouco era partidario de poñer deberes para a casa. Con moita paciencia, procuraba que os nenos o atendesen e entendesen. Como daquela non había clases de Educación Física no Grupo Escolar, el facía cos alumnos exercicios de ximnasia sueca, a primeiras horas da mañá, para desentumecer músculos e respirar mellor”, lembra Benxamín, para engadir que “a súa maneira de ensinar non foi ben comprendida por certos carballiñeses, e dicían que don José non “aprendía” nada”, pois “non lle zosca ao rapaz”; pero “un dos que o defendeu foi José Fariña Jamardo, daquela secretario do Concello, cando o mestre Senra tiña de alumno ao seu fillo.

Ademais -segundo puido comprobar Alba Vázquez- aínda queda hoxe en día xente que foi a súa clase, e o recordan coma un mestre comprensivo cos nenos e “sosegado”, tal coma o estima no seu blog Santiago Cacho. Semella tempo de reivindicar a fondo a súa memoria na vila.





Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXXIII) : “Serafín Portugal Soto”

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXXII) : “Rafael Otero Janeiro”

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXXI) : “Modesto Hermida García”

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXX) : “Cesáreo Sánchez Iglesias”

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXX) : “Francisco Fumega Piñeiro”

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXVIII) : “David Otero Fernández”

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXVII) : “Carlos Montes Marqués “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXVI) : “Juan José Docampo Nóvoa “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXV) : “Carlos A. Rodríguez Calvo “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXIV) : “Perfecto Sulleiro González “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXIII) : “Laura Novelle “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXII) : ” Mariña Arbor Aldea”

Terras do Carballiño e os seus escritores (XXI) : “María Caiña Hurtado “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XX) : “Julio Rodríguez “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XIX) : “Francisco Javier Limia Gardón “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XVIII) : “Felipe Senén López Gómez “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XVII) : “Abelardo Santorum Alonso “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XVI) : “Xosé Lois Sobrado Pérez “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XV) : ” Jorge Emilio Bóveda “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XIV) : “Lito Vila Baleato “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XIII) : “Pablo Nogueira Campo “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XII) : “Ramón Caride Ogando “

Terras do Carballiño e os seus escritores (XI) : “José Manuel Mouriño”

Terras do Carballiño e os seus escritores (X) : “Xosé Prada Martínez”

Terras do Carballiño e os seus escritores (IX) : “Manuel Chamoso Lamas”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”

Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”

O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “

O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “

Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “