O BNG reclama a mellora do transporte de autobús entre O Carballiño e Ourense 

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A deputada Noa Presas sinala que as reformas do verán son insuficientes e que é un “disparate non garantir que as e os veciños do Carballiño poidan ir traballar e estudar á cidade con máis oferta de horarios”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Candidato do BNG á alcaldía Manuel Chan, reclama o aumento de liñas e mellora da infraestrutura “pois seguimos sen estación nin un apeadeiro digno que protexa do sol e da choiva”

Ourense, 21 de outubro de 2026. Noa Presas, deputada do BNG por Ourense no Parlamento Galego e Manuel Chan, candidato á alcaldía do Carballiño, reclamaron á Xunta de Galiza melloras urxentes canto ao transporte público por estrada entre O Carballiño e Ourense e Ourense e o Carballiño. 

Desde o BNG, Presas sinala que “a comarca do Carballiño ten máis de 25.000 habitantes, máis de 15.000 só da propia localidade que lle da nome, está a menos de 30 quilómetros da cidade de Ourense que é a súa referencia próxima para servizos importantes coma os hospitalarios ou os universitarios pero conta cun transporte case inexistente por tren e con malos horarios por bus fai que a xente teña que depender do coche privado, algo que non é sostible, que cada vez é máis caro coa suba de prezos que estamos a vivir e na que Galiza está á cabeza da inflación do Estado, supondo para as persoas máis novas e máis maiores é un enorme problema pois moitas non poden conducir”.

A deputada afirma que “os tímidos cambios que a Xunta anunciou no mes de agosto non resolven os problemas xa que aínda que os servizos axustaron os horarios, o axuste é mínimo e non da cuberto a demanda existente, segundo informa a propia veciñanza e o persoal da propia empresa”.

Segundo sinalan desde o BNG, “de luns a venres, o primeiro servizo do día adiantou apenas cinco minutos a saída desde O Carballiño, ás 7:45 horas, e o primeiro servizo de volta pasou a saír das Lagoas ás 8:30 horas, dez minutos antes. É evidente que sobre todo o servizo de ida é insuficiente, pois chega se non hai atrasos ás 8:15 polo que de precisar un mínimo desprazamento andando ou noutro medio até outras zonas da cidade, mesmo do centro, fai imposible o seu uso habitual.”

Desde o BNG reclaman que se aumente a oferta horaria e que se inclúa un bus máis madrugador e máis oferta na fin de semana aon tempo que lembran que “segue pendente que haxa un lugar digno para agardar o bus, xa que hoxe O Carballiño non ten estación de autobuses, pois está pechada e en teoría vai ser demolida para o futuro Centro de Saúde e a parada que se puxo diante está á intemperie, polo que sería preciso un acondicionamento mínimo para que a xente se poida protexer da choiva e do sol cando agarda”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------