Sen matrona non hai sanidade rural: Ribadavia esixe solucións
Dirixímonos á cidadanía e aos medios de comunicación para denunciar e dar visibilidade a unha situación que afecta directamente á sanidade pública e ás familias do municipio de Ribadavia.
A praza de matrona do centro de saúde de Ribadavia quedou vacante debido á xubilación da titular, sen que ata o momento se previse a súa substitución. Esta falta de cobertura deixa a todas as mulleres xestantes da zona sen o seu referente sanitario nun momento clave dos seus embarazos, obrigándoas a unha situación de total desamparo e incerteza.
Queremos poñer de manifesto que a perda deste servizo básico agrava aínda máis a desigualdade na atención sanitaria no medio rural. As xubilacións son un acontecemento perfectamente previsible, polo que resulta incomprensible a falta de planificación para cubrir estas prazas de forma inmediata.
Desde Ribadavia, esiximos á Xerencia da Área Sanitaria que poña os medios necesarios e achegue unha solución urxente para restablecer este servizo tan vital para as futuras nais do municipio.
Agradecemos o labor de altavoz dos medios para que esta situación transcenda e se solucione canto antes. Non podemos permitir que a sanidade pública no rural siga perdendo servizos esenciais nin que as familias queden sen respostas ante necesidades tan básicas.

















