O grupo municipal de Ribeiro en Común trasladará ao Pleno da Corporación de Ribadavia un total de tres mocións, na sesión ordinaria correspondente ao mes de outubro que terá lugar o vindeiro xoves, día 29, a partir das 20,00 horas.
A primeira proposta consiste nunha petición ao Concello para que impulse a construción de vivenda pública en Ribadavia, unha vez que este grupo político comprobou “que nesta lexislatura o goberno local do PP ten totalmente abandonada esta competencia municipal, xusto cando máis vivenda fai falta, tamén en Ribadavia. Sendo especialmente grave desde o ano 2025, xa que é a propia Xunta a que está pedíndolle aos concellos terreos para facer vivenda e o goberno local do PP négallo, algo inxustificable e que deixa moi claro a incapacidade do alcalde e o seu goberno de liderar algunha iniciativa importante diante da Xunta, que non sexan subvencións nominativas ideadas desde Santiago e que deixen a facenda local precaria”, según indican dende Ribeiro en Común. Asemade, propoñen alternativas para a ubicación deste tipo de inmobles, unha delas no barrio de San Lázaro.
Noutra moción, solicitan a creación de puntos de carga para vehículos eléctricos, seguindo a liña iniciada polo anterior equipo municipal de goberno no pasado mandato. Lamentan que, a día de hoxe, “non existe ningún dispositivo de carga de vehículos eléctricos no noso municipio de uso público, nin de promoción privada nin pública, o que supón unha eiva importante tanto para veciños, que dependen da carga no seu garaxe, se teñen, como sobre todo para visitantes da nosa vila e comarca, que non dispoñen de ningún”.
Ao respecto, dende Ribeiro en Común consideran “especialmente grave” esta circunstancia, “debido á deixadez do goberno local, que foi incapaz de poñer en funcionamento un punto de carga que fixo o anterior goberno e que deixou listo no ano 2023”.
A última das mocións refírese a obras de mellora na rúa Baixada da Barca, para a que solicitan o levantamento “dun muro propiedade do Concello que leva anos caído e que supón un perigo para a estabilidade da propia calzada”. Tamén piden a instalación dunha varanda na ponte do ferrocarril, “xa que falamos dunha altura moi perigosa e non cumpre a normativa de seguridade”.
Asimesmo, solicitan a colocación de puntos de alumeado e sinais de tráfico nesta mesma rúa. Entenden que as luminarias son necesarias, “xa que a pesar de existir vivendas e ser moi concorrida no paseo fluvial, non dispón delas”, ao igual cá os sinais para indicar que a rúa é de preferencia peonil “e só poden pasar vehículos de residentes ou de propietarios de fincas”.

















