- Unha representación do SLG participa hoxe na concentración de Madrid para esixir un plan de choque fronte á alza dos custos de produción, a oposición á proposta de PAC dos 27, unha Lei da Cadea Alimentaria xusta e que se cumpra, e o rexeitamento dos tratados de libre comercio como o de Mercosur. Pide tamén unha transición cara a un modelo agrario máis resiliente fronte ás crises actuais.
- Con esta participación, o SLG inicia un calendario de mobilizacións e accións reivindicativas que continuará coa Folga Xeral do 11 de novembro, na que se inclúen as súas reivindicacións agrarias e para o rural, e cun encontro aberto coas forzas políticas que concorren ao 29-N, o 7 de novembro, para presentarlles as súas propostas.
- A manifestación e a tractorada previstas en Madrid foron canceladas polo accidente ferroviario de hoxe, pero as persoas manifestantes manteñen unha concentración na praza de Colón, punto de saída da marcha, para facer chegar as súas reivindicacións ao Ministerio de Agricultura.
Compostela, 28 de outubro de 2026. Compostela, 28 de outubro de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) expresa a súa solidariedade e o seu apoio ás familias das vítimas do accidente ferroviario ocorrido hoxe. A manifestación convocada por organizacións agrarias en Madrid foi cancelada por este motivo, pero unha representación do SLG participa na concentración que se mantén na praza de Colón, punto de saída previsto da marcha. O secretario de acción sindical, Brais Álvarez, explicou: “Para nós era necesario estar aquí hoxe e que se visibilice tamén a difícil situación que estamos a vivir todas as persoas labregas de Galiza; se non, para as institucións non existimos”.
Para o SLG, o sector vive momentos de gran incerteza. Desde o pasado febreiro, o combustible, os fertilizantes e outros insumos necesarios nas granxas aumentaron o seu prezo en máis do dobre. A isto hai que sumar que “seguimos sen ter unha lei da cadea alimentaria que nos protexa, que estude os nosos custos de produción, canto se leva cada parte da cadea e que garanta que non vendemos o noso produto a perdas”.
Se os custos se volven insostibles e os prezos que se perciben non os cubren, moitas granxas veranse obrigadas a pechar en pouco tempo. “O primeiro no que se nota é que moita xente moza que pensaba en coller o relevo nas súas granxas familiares, vendo que vai traballar a perdas, desiste e péchase esa casa. Ao mesmo tempo condena moitas familias, nos seus últimos anos antes da xubilación, a camiñar cara á pobreza, a cotizar menos e a tirar como poidan ata os 67 anos, moitas veces gastando os aforros dunha vida, porque quen vai reconverterse a outra profesión con 60 ou 62 anos?”, sinalou o sindicato.
Piden a oposición do Ministerio á nova proposta da PAC 2028-2034 O SLG rexeita tamén a proposta debatida antonte no Consello de Ministros de Agricultura da UE sobre a nova PAC, que considera peor ca a inicial e que deixa a agricultura europea sen ningunha garantía. “A proposta feita desde a UE é un ataque directo contra as nosas granxas e estamos hoxe aquí tamén para pedir ao Ministerio de Agricultura que se opoña frontalmente, no marco da UE, a esta proposta. Así mesmo, recordámoslle á Xunta de Galicia o seu papel en Europa, en espazos como o Comité das Rexións ou a través das eurodeputadas e eurodeputados, para que de xeito claro se opoña a ela.”
Para o SLG, a proposta camiña cara ao desmantelamento dunha política agraria comunitaria e cara á renacionalización da PAC, e non tratou cuestións fundamentais para manter a agricultura en Europa e a soberanía alimentaria: “Non se falou de cuestións fundamentais para o mantemento das nosas granxas, como a degresividade das axudas, a regulación do mercado, uns prezos xustos en orixe, un límite máximo de axudas para un reparto xusto e social ou un orzamento suficiente, xa que seguen a propoñer un recorte próximo ao 30% dos fondos, tendo en conta a inflación dos últimos anos.”
O sindicato considera totalmente inadmisible que se elimine o pago redistributivo, que deixa de ser obrigatorio para os estados; que desapareza a condicionalidade social para acceder ás axudas; que desapareza a obriga de recoñecer o pago ás pequenas agricultoras e a de orientar a axuda á renda ás pequenas granxas e á agricultura labrega; que desapareza a obrigatoriedade de apoiar a agricultura ecolóxica, que perde tamén a dotación orzamentaria mínima vinculada; ou que se debiliten os apoios ás persoas mozas e ás mulleres.
Desde o SLG reclaman unha PAC para as labregas, cun orzamento mínimo que garanta a súa viabilidade e compense o labor de conservación das zonas rurais e dos servizos ecosistémicos, e que teña en conta as peculiaridades de cada territorio. Producir alimentos en cantidade e calidade suficientes debería ser un obxectivo prioritario para Europa, máxime cando o contexto actual pon en risco o acceso a unha alimentación sa e de calidade, especialmente para as persoas con menor poder adquisitivo.
Oposición aos tratados de libre comercio A comezos de ano, o SLG mobilizouse intensamente para pedir a paralización e o rexeitamento do tratado de libre comercio UE-Mercosur, que supón unha competencia desleal coas producións locais europeas mentres os intermediarios levan os beneficios e se empobrecen as labregas de aquí e de alá. Daquela, o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia mostraron o seu apoio ao tratado e trataron de apaciguar as mobilizacións con promesas dunhas cláusulas de salvagarda que, para o SLG, eran totalmente insuficientes.
O sindicato critica a súa aplicación, “cando menos dubidosa”, por parte da Comisión Europea: “Compre lembrar que o Parlamento Europeo decidiu trasladar a validez do acordo comercial ao Tribunal de Xustiza Europeo porque existen moitas dúbidas de que sexa válido”. Desde o comezo das transaccións internacionais, en maio, a entrada de alimentos procedentes de Mercosur fixo que sectores como o do mel ou o da carne vexan baixar os seus prezos en orixe e que se inunde o mercado europeo de produto de alá, sen que as cláusulas de salvagarda protexan o sector. Tampouco se está a notar a promesa de materia prima barata para alimentar o gando, nun sector que soporta o encarecemento dos combustibles fósiles e dos modelos de mercado vinculados a eles.
“Se queremos producir alimentos, o único xeito é cos nosos recursos. Na práctica, estes acordos baixan os prezos que percibimos polo noso produto e encarecen os insumos que chegan ás nosas granxas, mentres seguimos pechando granxas e perdendo superficie agraria útil”, denunciou o sindicato. O SLG aproveitou a concentración de Madrid para visibilizar o seu rexeitamento e esixiu un cambio de posición do Goberno do Estado e da Xunta: “Solicitamos que de xeito inmediato esixan a Europa a paralización deste acordo mentres o TXUE non resolva, e que se opoñan aos tratados de libre comercio que se están a negociar entre a UE e países como Australia e Tailandia, onde a alimentación segue a estar presente.”
Cambio na política agraria comunitaria, transición agroecolóxica e desintensificación Para o SLG, a actual crise de custos e as crises dos últimos anos, como a provocada pola COVID-19 ou a guerra de Ucraína, constatan que fracasou a política agraria común baseada nun modelo de alta dependencia das importacións e dos combustibles fósiles. Ven necesario iniciar xa unha transición cara a modelos agrarios máis resilientes e adaptados á nova realidade, tamén á situación climática.
As institucións deben crear políticas e axudas que permitan adaptar as granxas aos retos do futuro: un escenario de crises sistémicas dos combustibles fósiles dos que depende o traballo diario (gasóleo B, plásticos…), a importación masiva de fertilizantes e a crise climática. “Todas as institucións europeas teñen que ter claro que este é o escenario que imos ter: ou frenamos e cambiamos a orientación da política agraria ou en dez anos non quedará produción agraria en Europa, e a pouca que quede controlarana grandes fondos de investimento, sen que nin os estados nin a cidadanía poidan decidir nada sobre política agraria (prezos ao consumidor, dieta…).”
Por iso o SLG critica que as axudas do Ministerio de Agricultura e da Xunta sexan totalmente insuficientes e mal orientadas: “Estamos vendo como sistematicamente se subvenciona a quen precisamente é máis dependente destes insumos e se deixan fóra as granxas que parten dunha situación máis resiliente para iniciar unha transición agroecolóxica e desintensificar, e que sobreviven máis facilmente a estas crises”. Subliña que as axudas se destinan a manter as granxas no modelo actual, sen un asesoramento real nin un plan estratéxico que lles permita adaptarse ao novo escenario: “Se seguimos apoiando este modelo de dar axudas sen traballar nun cambio real dos nosos modelos de produción, viviremos nunha crise permanente. O gasto público ten que ser racional e social: adaptémonos ao novo escenario agora que aínda estamos a tempo e temos os medios, e permitamos que sobreviva a agricultura europea.”
Esta é outra das razóns pola que o SLG participa hoxe en Madrid: para esixir ao Ministerio de Agricultura e a Europa un plan estratéxico na nova PAC que inicie unha transición global cara á agroecoloxía e a desintensificación, sen deixar ninguén atrás.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Próximas accións O SLG é consciente do difícil momento social que se vive en toda Europa, cunha crise xeral económica, social e de vivenda, e na que mesmo se pon en dúbida a validez dos sistemas democráticos. Por iso considera fundamental tecer alianzas que leven as administracións a camiñar cara a unha gobernanza de carácter social, que non deixe ninguén atrás, que frene a pobreza e que traballe a cohesión social.
Nesta liña, o sindicato súmase á convocatoria de Folga Xeral do 11 de novembro e mantén nos últimos días unha intensa interlocución coa CIG para que a folga sexa un éxito e se incluan nela as reivindicacións agrarias. Para visibilizar todas estas problemáticas e as do mundo rural, o SLG participará con bloque propio nas mobilizacións convocadas pola CIG ás 12.00 h en Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e A Estrada, e invita todo o sector a unirse a este bloque.
Así mesmo, para que a voz labrega sexa escoitada polas administracións e polo próximo executivo que saia do 29-N, o SLG convocará o 7 de novembro unha xornada de presentación das propostas para o agro e o medio rural para a próxima lexislatura. O sindicato considera necesario que as candidaturas e os partidos que concorren ás urnas se comprometan con estas propostas, que leva anos desenvolvendo e que considera fundamentais para o futuro do rural.
















