A Deputación aproba unha partida de 6,3 millóns de euros destinada a investimentos nos concellos da provincia

Pleno ordinario Deputación Ourense. Asisten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (Vicepresidenta 1ª), Cesar Fernández Gil (Vicepresidente 2º), Plácido Álvarez Dobaño (Vicepresidente 3º), Rosendo Fernández (Deputado PPOU), Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU), José Miguel Pérez Blecua (Deputado PPOU), Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU), Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU), María del Carmen González Quintela (Deputada PPOU), José María Lago Cabo (Deputado PPOU), María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU), Emilio Luis Díaz Vidal (Deputado PSOE), Diego Fernández Nogueira (Deputado PSOE), Eva María Pérez Gamote (Deputada PSOE), Susana Rodríguez Rodríguez (Deputada PSOE), Álvaro Vila Araujo (Deputado PSOE), Sherezade Núñez Rodríguez (Deputada PSOE); Antonio Fernández Martín (Deputado DO), Francisco Lorenzo López (Deputado DO), Rafael Martínez Cachafeiro (Deputado DO), Bernardo Varela López (Deputado BNG), Xosé Manuel Puga González (Deputado BNG), María José Mangana Guede (Deputada BNG), ), Xosé Carlos Valcárcel Doval (Grupo Mixto), Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense) e Juan Marquina (Secretario Deputación Ourense).
---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Corporación provincial de Ourense aprobou esta mañá, no pleno correspondente ao mes de outubro, un expediente de modificación de crédito por un importe próximo a 7,8 millóns de euros (7.799.179,82), dos que máis de 6,3 millóns van destinados a investimentos municipais. O documento divídese en suplementos de crédito e créditos extraordinarios con cargo a maiores ingresos recadados.

O expediente reserva un total de 6.385.572,04 euros para o financiamento de 184 actuacións municipais nos 92 concellos da provincia e unha mancomunidade. Desta cantidade, case 5 millóns de euros (4.945.572,04) corresponden a suplementos de crédito para executar, entre outros, proxectos relacionados coa construción e dotación de residencias para maiores, rehabilitación de vivendas, instalacións deportivas e culturais, pavimentación de viarios locais e humanización de rúas, adquisición de maquinaria, eficiencia enerxética, captacións de auga, abastecemento e saneamento, alumeado público, e accións vinculadas ao medio ambiente e recursos turísticos. Tamén figura o Concello de Ourense, con 15.000 euros de achega para melloras no auditorio municipal.

Este apartado de cooperación local complétase con 1.440.000 euros en créditos extraordinarios que terán como destino o convenio coa Consellería de Medio Rural para o financiamento da adquisición, por parte dos concellos, de maquinaria para a prevención e loita contra os incendios forestais. Trátase do acordo correspondente ao ano 2026, polo que 11 concellos e unha mancomunidade contarán con 120.000 euros cada un para a compra dun tractor con rozadoira.

Por outra banda, o expediente tamén inclúe, no capítulo de suplementos de crédito, unha partida de preto de 600.000 euros (589.647) para o funcionamento dos servizos da Deputación. Con máis dunha ducia de actuacións, destacan as destinadas a suplementar os custos derivados do consumo de enerxía eléctrica nos edificios provinciais.

Ademais, o documento recolle case 800.000 euros (789.960,78) para compromisos adquiridos con Meisa e 34.000 euros máis para o plan de cooperación de obras co Concello de Ourense. Esta última cantidade divídese en 27.000 euros para a prórroga de tres obras do plan 2025-2026, e os restantes 7.000 para un novo programa de cooperación para o período 2026-2027.

Entre os asuntos de trámite, a orde do día incluíu a modificación da ordenanza de recollida, transporte e tratamento de residuos, co fin de incluír neste servizo ao Concello do Barco de Valdeorras con efectos de 1 de xaneiro de 2027. Esta será a entidade local número 61 que teña delegada a xestión do lixo na Deputación.

O pleno tamén acordou cambiar a data da sesión ordinaria de novembro, pola coincidencia coas eleccións xerais, que pasará a celebrarse o 3 de decembro, mentres que as comisións informativas convocaranse para o 25 de novembro.

Capítulo de proposicións

No capítulo de proposicións, a Corporación aprobou unha iniciativa do BNG para a posta en marcha dunha rede de conexións de proximidade mediante a implantación dun metro lixeiro de superficie. Un proxecto que aproveitaría as infraestruturas ferroviarias en desuso para crear unha rede metropolitana que conecte a cidade cos barrios, o campus universitario, as zonas industriais e concellos como Ribadavia, O Carballiño ou Os Peares, dando cobertura a unhas 170.000 persoas.

A moción aprobada pide recuperar e adaptar un proxecto que data de principios deste século, para impulsar unha rede de transporte público en superficie, unindo de forma sostible as áreas de maior actividade industrial, sanitaria e universitaria. Solicítase tamén a creación dun sistema de transporte metropolitano integrado e coordinado en horarios con este novo trazado ferroviario, co fin de facilitar ao máximo os desprazamentos entre municipios veciños. Remárcase tamén a necesidade de colaboración por parte de todas as administracións -Goberno, Xunta e concellos afectados- para garantir o desenvolvemento e viabilidade técnica da proposta.

Por último, o pleno tamén aprobou unha moción do PSdeG-PSOE en defensa do sistema público de pensións, como piar do Estado de benestar e elemento clave para a cohesión social e territorial. O texto da iniciativa expón unha batería de medidas, entre as que figura que a Deputación de Ourense manifeste o seu firme compromiso coa defensa do sistema público de pensións; rexeitar calquera proceso de privatización ou de substitución por modelos de capitalización individual; e defender que os sistemas privados de aforro teñan sempre un carácter complementario e voluntario. Pídese ademais á institución provincial que se pronuncie a favor de garantir a sustentabilidade e suficiencia das pensións presentes e futuras; e solicitar medidas específicas que aseguren a igualdade no acceso aos servizos públicos para os pensionistas do medio rural.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------