Teatro do Vilar, de Ribadavia, con “Memoria dun tempo”, e Atrezo, do Porriño, con “Silencio”, protagonizan esta fin de semana a Mostra de Teatro Amador

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Mostra de Teatro Amador ‘Terras de Orcellón’ propón para esta vindeira fin de semana dúas funcións dentro da súa 19ª edición, que se vén desenvolvendo no Auditorio Manuel María do Carballiño. Así, o sábado, día 7 de novembro, será Teatro do Vilar de Ribadavia que se achegará ao Carballiño coa comedia “Memoria dun tempo”, para escenificar como nos finais de 1958 un grupo de artistas agardan nun vello teatro examinarse diante dun tribunal do Sindicato Nacional de Espectáculos e conseguir o carné que lles permita traballar baixo a ollada vixiante do réxime.

Mentres agardan entre traxes de volantes e melodías de coplas, vanse entretecendo historias persoais, confesións agochadas e soños a medio cumprir. Nese espazo compartido os nervios mestúranse coa esperanza e as feridas do pasado reábrense, a música convertese nun xeito de resistir, lembrar e vivir. “Memoria dun tempo” é unha comedia musical cun pouso amargo, onde cada personaxe -cantante, músico ou vedete- representa unha xeración de soñadores atrapados entre o glamour do espectáculo e a realidade dunha época gris. Unha homenaxe aos que, maila todo, seguiron cantando.

Ao seguinte día, o domingo 8 de novembro, o grupo de teatro Atrezo de Porriño viran representar “Silencio!”, unha adaptación da obra de García Lorca, La casa de Bernarda Alba, para levar ao ánimo do espectador como cada vez que queremos saír das normas, do que dita a moral, se nos ordena silencio. Como os que supostamente teñen que coidarnos ou protexernos nos fan trampas e ordenan silencio, e como, se facemos caso e calamos, so quedará o silencio.

Ambas función representaranse ás 20,00 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------