- O Sindicato Labrego Galego reclama maior rigor e contraste á televisión pública e pide que tamén dea visibilidade ás baixadas de prezos e ao peche continuado de granxas.
- Os últimos datos dispoñíbeis amosan que a suba foi de apenas 7 milésimas de euro por litro, non de 7 céntimos. Esta pequena variación explícase, ademais, polo incremento dos contidos de graxa e proteína do leite entregado polas gandeiras, non por unha mellora real dos prezos pagados pola industria.
- Foi no pasado mes de abril cando os prezos sufriron unha caída de entre 7 e 9 céntimos por litro, unha baixada que aínda non foi recuperada. Todo isto nun contexto de profunda crise para as granxas, cos custos de produción disparados e cunha enorme incerteza ante a renovación dos contratos deste mes de novembro.
Galiza, 9 de novembro de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitámolle á Televisión de Galicia (TVG) unha rectificación da información publicada o pasado sábado, 7 de novembro, na que se aseguraba que o prezo do leite pagado ás granxas experimentara unha suba de 7 céntimos por litro. Unha afirmación que, facéndose eco dos datos mensuais publicados polo Ministerio e pola Consellería do Medio Rural, non se corresponde coa realidade.
Os datos oficiais desmenten a suposta suba de sete céntimos
Os últimos datos dispoñíbeis, correspondentes ao mes de setembro, amosan que o prezo medio do leite pasou dos 0,448 €/litro de agosto aos 0,455 €/litro de setembro. É dicir, a suba foi de apenas 7 milésimas de euro por litro, non de 7 céntimos.
Esta pequena variación explícase, ademais, polo incremento dos contidos de graxa e proteína do leite entregado polas gandeiras, e non por unha mellora real dos prezos pagados pola industria. En concreto, a graxa pasou de 3,79 en agosto a 3,90 en setembro, mentres que a proteína aumentou de 3,34 a 3,39, unhas variacións que responden a factores estacionais.
A televisión pública debe informar tamén das baixadas de prezos e do peche de granxas
Dende o SLG consideramos que unha cadea pública como a TVG debe actuar co máximo rigor e contrastar adecuadamente os datos antes de difundir informacións que poden ofrecer unha imaxe distorsionada da situación que atravesa o sector produtor.
Así mesmo, reclamamos que ese mesmo interese informativo se manteña cando se producen fortes baixadas nos prezos do leite ou cando se coñecen os datos de peche de granxas, unha realidade que está a comprometer gravemente o futuro do sector lácteo galego.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As granxas seguen sen recuperar a forte caída de prezos de abril
Cómpre lembrar que foi no pasado mes de abril cando os prezos sufriron unha caída de entre 7 e 9 céntimos por litro, unha baixada que aínda non foi recuperada. Todo isto nun contexto de profunda crise para as granxas, cos custos de produción disparados e cunha enorme incerteza ante a renovación dos contratos deste mes de novembro.
A posíbel recuperación dos prezos segue estando nas mans dunha industria que decide unilateralmente cando e como trasladar as melloras ao sector produtor, mantendo ás granxas nunha situación de dependencia e vulnerabilidade. Alén diso, a isto temos que sumarlle as ofertas da distribución, que continúan presionando á baixa os prezos dos produtos lácteos, nunha dinámica que contribúe ao deterioro da cadea de valor e que acaba repercutindo, unha vez máis, nas persoas produtoras.
261 granxas de leite menos dende outubro de 2025
A perda de granxas no sector lácteo continúa sendo outro dos indicadores máis preocupantes desta crise. Segundo o informe mensual da Dirección General de Producciones y Mercados Agrarios, entre agosto e setembro deixaron de entregar leite un total de 20 granxas, situándose o número de granxas produtoras en 4.726 no mes de setembro. Esta situación resulta aínda máis alarmante se ampliamos a perspectiva: dende outubro de 2025 pecharon 261 granxas de leite.
O SLG reclama rigor informativo e compromiso coa realidade do sector
Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego esiximos, polo tanto, unha rectificación da información difundida pola TVG e apelamos á súa responsabilidade como medio público.
O sector lácteo galego precisa información rigorosa, contextualizada e comprometida coa realidade que viven as granxas. É necesario informar das caídas que sofren as produtoras, dos custos que soportan e das granxas que cada mes se ven obrigadas a abandonar a actividade.
















