Presas chamar a romper con máis de 40 anos de bipartidismo estéril e conseguir o primeiro escano do BNG por Ourense
Santiago de Compostela, 10 novembro 2026-. A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou en Xinzo de Limia a concentrar no BNG o voto galego nas eleccións xerais do 29N para darlle máis forza a Galiza en Madrid e para gañar en dereitos e vida digna.
“Temos que concentrar no BNG o voto galego, o voto que ten a Galiza na cabeza e no corazón para darlle máis forza a este País, o voto das persoas que queren avanzar en dereitos e ter unha sociedade máis igualitaria”, proclamou nun mitin de precampaña xunto á cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Noa Presas, e no que tamén participaron o portavoz municipal, Camilo Vila, e a responsable comarcal, Miriam Opazo.
Pontón explicou que Galiza ten que ter “máis peso político” en Madrid, porque isto implica ter máis capacidade de presión en favor dos galegos e das galegas, máis atención do Goberno central aos problemas do País ou máis investimentos e un mellor financiamento para infraestruturas e servizos.
Para conseguilo, fixo un chamamento á cidadanía a “alzar a voz” para dicir que “aquí está Galiza” dándolle “máis forza ao BNG” fronte á “sordina bipartidista” que considera aos galegos e ás galegas como “a última carta da baralla” da que só se acordan cando hai unha campaña electoral.
“Somos a esperanza doutra política posible que é máis urxente que nunca”, subliñou, para advertir a continuación sobre un modelo, cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos.
Neste sentido, recordou que o territorio que máis medrou no Estado nos últimos 25 anos foi Madrid, unha gran aspiradora de recursos, riqueza e investimentos. “Nestes 25 anos, a pesar de que temos máis recursos naturais que Madrid e de que somos produtores netos de enerxía e Madrid non, Galiza perdeu peso no PIB do Estado e perdeu poboación e industria”, advertiu.
Por iso, incidiu na necesidade de que o País gañe peso político cun BNG que tamén é garantía na defensa dos dereitos das maiorías sociais e dunha unha vida digna fronte a un bipartidismo sistémico que traballa para seguir concentrando a riqueza nas mans duns poucos e para seguir centralizando en Madrid investimentos e infraestruturas.
A líder nacionalista tamén advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou acadar, mentres se aumenta o gasto militar.
Neste sentido, recordou que o gasto militar do Estado para 2026 ascendeu a 35.419 millóns de euros, mentres que nos seus orzamentos só incluíu 2.235 millóns ás políticas de vivenda, o que vén a revelar cales son as prioridades actuais.
“Se queremos cambiar estas prioridades, temos que unir no BNG ás persoas que queren unha sociedade máis igualitaria, con dereitos, liberdades e paz, unir todo o voto das persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón e que lles indigna e doe a discriminación deste País”, concluíu.
Pola súa parte, a cabeza de lista por Ourense defendeu que “chegou o momento de facer algo distinto” e que o 29N existe unha oportunidade para cambiar o guión. “Hai xente decepcionada, si, pero tamén nunca antes tanta xente confiou no BNG e estamos máis preto do que nunca de facer historia e conseguir o primeiro escano nacionalista por Ourense”, afirmou con contundencia.
Presas sinalou que “o bipartidismo non funciona para Ourense porque PP e PSOE teñen moi boas palabras pero despois tragan con todo”, incidiu en referencia a Mercosur, ao tempo que reclamou solucións para os baixos prezos, a seca e os altos custos de produción para as explotacións. A candidata do BNG tamén puxo o foco no atraso dos regadíos da Limia: “Non pode estar esperando máis de 20 ano polas melloras que precisa”, reivindicou.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Paralelamente, remarcou que “Ourense e Lugo somos o exemplo de que non nos foi ben con máis de 40 anos de representación das forzas estatais” cunha “A-52 que parece unha vía comarcal de segunda ou, pasados máis de nove meses dos últimos grandes lumes, cunha reparación mediocre e insuficiente”.
“A choiva non está nas nosas mans”, subliñou Presas en referencia á seca, “pero si, ir votar o 29N por alguén que crea no medio rural e que teña un proxecto”, explicou. “Estas eleccións non van de escoller entre o mal maior ou o mal menor porque aquí en Ourense imos darlle a volta ao guión que nos queren impoñer con máis forza do BNG en Madrid”, concluíu.

















