O concelleiro de Compromiso por Galicia (CxG) de Punxín, Eladio Fernández, comparecía esta mañá en rolda de prensa para dar a coñecer a súa postura tra-la decisión tomada polo alcalde, o popular Manuel Vázquez, de cesalo como responsable de Obras e tenente de alcalde do Concello.
O edil achaca esta situación ao “medo” que ten o PP (agora sen maioría para gobernar, con 3 de 7 concelleiros) para que as iniciativas promovidas dende o departamento de Obras “poidan restarlles votos nas vindeiras eleccións municipais”, apuntou Eladio Fernández, lembrando que, para a súa sorpresa, no pasado pleno da Corporación, en setembro, os seus compañeiros do goberno local votaran en contra de ata oito mocións de CxG, “posicionándose en contra de proxectos importantísimos para o progreso de Punxín”.
“O PP rompeu unilaterlamente o pacto de goberno que tiñamos para este mandato, e dende a contorna do alcalde estiveron traballando para converterme no enimigo a bater”, manifestou Eladio Fernández. O concelleiro lamentou que proxectos como os enlaces coa N-541 e a autovía AG-53 ou a creación dun área industrial non vaian adiante, a pesares das boas condicións que posúe Punxín a nivel de subvencións como municipio de menos de 5.000 habitantes.
Por outra banda, Eladio Fernández, avanzou que está a preparar a súa candidatura á Alcaldía de Punxín ao abeiro de Vía Nova Galicia, o partido que él mesmo fundou hai 10 anos, nas vindeiras eleccións municipais de 2027. “Cara o futuro iremos prantando pouco a pouco esta semente nas comarcas do Carballiño e O Ribeiro”, adiantou. “O meu obxectivo, coma nestes últimos oito anos, é loitar polo futuro de Punxín2, concluíu.
















