Levamos todo o verán reclamando o apoio do Concello ás peticións da comunidade escolar, sen que foran atendidas polo goberno local.

Desde o Concello debemos reclamar que as autoridade educativas reforcen as medidas de seguridade en todos os centros educativos do noso municipio: CEIP Ribadavia e IES O Ribeiro.

Desde Ribeiro en Común levamos moi tempo rexistrando numerosos escritos con peticións e propostas para que o Concello de Ribadavia se sumara e levara a iniciativa na defensa dun inicio do Curso máis seguro.

Agora, unha vez comezado o CURSO ESCOLAR en primaria e infantil e sendo manifesto que moi poucas das nosas propostas foron atendidas polo goberno local, Ribeiro en Común vese obrigado a traer estas reivindicacións ao Pleno Municipal de Ribadavia.

No inicio do curso escolar foi evidente a ausencia do Concello de Ribadavia, a través do goberno municipal, na elaboración de protocolos claros e de diálogo social coa comunidade educativa, xerando por parte da dirección do CEIP Ribadavia e da Xunta de Galicia unha situación de preocupación e inseguridade tanto no alumnado como nas familias e profesionais que teñen que impartir a ensinanza. Esta situación non é diferente no concello de Ribadavia. Nos días previos ao inicio do  curso escolar existiu moi pouca información ao respecto das medidas que se tomarán e cunha total falta de diálogo cos representantes de nais e pais, que estiveron semanas solicitando reunión coa dirección do centro do CEIP para abordar esta situación tan excepcional, obtendo como única resposta a de seren emprazados a unha convocatoria do Consello escolar do CEIP, cando o curso xa estaba a piques de comezar.

Diante da preocupación que existe no inicio do Curso escolar en Ribadavia e a falta de información,  pedimos que o Concello tomara a iniciativa na defensa dos intereses dos pais e nais e do alumnado e abandonara a pasividade que mantén  diante da incertidume que existía na comunidade escolar. Ribeiro en Común, tras solicitar xuntanza coa ANPA rexistrou a petición de reforzar as medidas para un inicio de curso seguro e responsable. Non foron trasladadas polo Concello de Ribadavia nin á Xunta nin á dirección do CEIP.

Volvemos, con motivo do inicio do curso escolar, presentar un novo escrito co obxectivo de sumar forzas para que desde o Concello de Ribadavia apoiaramos, de maneira unitaria todos os grupos, coas seguintes medidas:

– Reforzar o servizo de bus para adecuarse ao protocolo.

– Subministrar máscaras diárias para os escolares. Xá que estamos a falar dun alto custe para as famílias.

– Seguimos reclamando que se reforce o protocolo de prevención anti-covid.

– Intermediación entre familias e dirección do centro escolar para realizar propostas, peticións e suxerencias, xa que a día de hoxe existen moitas dificultades para que as familias participen.

Estas peticións, ademais, foron parte das peticións recollidas na xuntanza aberta convocada pola

ANPA CEIP Plurilingüe de Ribadavia, e que continúan sen ser atendidas por parte dos responsables educativos.

Ribeiro en Común reclamou reiteradas veces no Concello a convocatoria desde a Alcaldía dunha xuntanza urxente de todos os grupos, dirección do Centro e ANPA. Desde a Alcaldía negáronse a manter esta xuntanza conxunta, nin tampouco como mínimo a convocar a todos os grupos coa ANPA. Confirman a súa nula capacidade e pretensión de diálogo desde a Alcaldía, quen opta por non enfrontar nunca problemas nin abordar as preocupacións da veciñanza cada vez que existe un problema. Este foi un novo exemplo.

PECHE DO COLEXIO DA ALAMEDA CANDO MÁIS FALTA FACÍA O HISTÓRICO COLEXIO DE RIBADAVIA.

1º. Os CRA de Ribadavia medran en alumnado, da mesma maneira que xá acontecera o curso pasado derivado dos recortes de profesorado que se fixera no Colexio da Alameda no curso 2018-2019. Fenómeno que un curso despois se reproduce tras o peche total do Colexio da Alameda, tras moitas décadas funcionando como colexio.

2º. Os CRA aumentan en alumnado grazas á boa labor docente e grazas a un modelo educativo máis natural e cercano. Modelo que cada vez ten maior demanda nos países e zonas máis ricas e desenvolvidas.

Xusto o modelo contrario que a equipa directiva do CEIP e o Concello defenderon nestes meses co peche da Alameda e o agrupamento masificado de nenos no CEIP Ribadavia.

Ribeiro en Común estará moi vixiante co futuro dos nosos CRA para que nunca sexan vítimas dos mesmo recortes que pecharon a Alameda, e defenderá sempre un modelo educativo como base para unha sociedade máis libre e igual.

IES RIBEIRO E PROTESTAS NOS CENTROS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA DA PROVINCIA DE OURENSE.

A incompetencia da Consellaría de Educación nos centros de primaria e infantil estase repetindo no inicio de curso dos Colexios de Secundaria e nos Institutos.

A día de hoxe, a información que existe no noso entorno provincial é que seis dos institutos más grandes da provincia de Ourense, que concentran a más de 3.000 alumnos de ESO, Bacharelato e FP,  plántanse fronte á Consellaría de Educación, ao ver inviable iniciar o curso con seguridade en estas circunstancias que fixa a Xunta de Galicia.

As queixas que as equipas docentes son relativas á mellorar a seguridade de alumnado e profesorado, xa que a día de hoxe ven inviable unha volta segura ás aulas diante dos sucesivos cambios que a Xunta realiza no Protocolo, e ademais sen coñecer a estas alturas, se o Gobierno autonómico lles concederá profesorado que as equipas directivas estiman como necesario para adaptarse á normativa desta realidade COVID.

Ribeiro en Común consideramos que desde o Concello de Ribadavia debemos facer seguimento da situación no IES Ribeiro e en todas as súas instalacións, para ofrecer o noso apoio e ser o altofalante das súas peticións e reclamacións para o inicio dun curso seguro para todos e todas.

PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN:

1.      Que  o concello de Ribadavia, con todos os seus grupos municipais, lideren a defensa dos intereses das familias, do alumnado e do profesorado do CEIP RIBADAVIA e do IES RIBEIRO.

 A alcaldía e o goberno local deben actuar como valedores dos intereses veciñais e non defendendo, unha vez máis, os intereses da Delegación provincial de Educación da Xunta.

Despois de que estes mesmos, decidiran e permitiran pechar un centro con un espazo amplo para usar en plena crise sanitaria, agora non lle podemos permitir que aforren en medidas que garantan a seguridade dos nosos nenos e nenas e de toda a comunidade escolar.

2.      Que a representante do Concello de Ribadavia no Consello Escolar dea traslado, que a día de hoxe non deu a pesar de estar solicitado,  defendendo tamén as seguintes reclamacións das familias como parte da Comunidade escolar:

–         Máis recursos e persoal para abordar esta situación excepcional.

–         Reforzo na atención no transporte escolar e reforzo da recepción de escolares na entrada e saída do Centro. Reforzar o servizo de bus para adecuarse ao protocolo.

–            Dispoñer dunha zona de recepción de nenos e nenas na que estean cubertos da chuvia e das inclemencias do tempo (moitos pais e nais acordaranse da Pista Cuberta do Colexio da Alameda).

–         Dotación de máis espazos comúns, non só aulas, senón tamén patios que se adecúen a cada ciclo escolar e as súas necesidades.

–         Reforzo do comedor para adecualo ás necesidades específicas do alumnado.

–         Ampliación de horarios e quendas alternativas.

–         Reforzo e ampliación da CONCILIACIÓN familiar, xa que o servizo de Madrugadores actual é moi insuficiente para esta nova realidade.

–         Reforzo do equipo de limpeza para labores de desinfección. Algo que é competencia da Xunta.

–         Creación dun programa de atención a infancia a domicilio, como medida complementaria de conciliación ante o impacto do COVID19.

–          Subministrar máscaras diárias para os escolares, algo que é competencia da XUNTA. Xá que estamos a falar dun alto custe para as famílias.

–          Que se reforce o protocolo de prevención anti-covid.  E a intermediación entre familias e direccións do centros escolares para realizar propostas, peticións e suxerencias, xa que a día de hoxe existen moitas dificultades para que as familias participen.

3.      Que o Concello de Ribadavia poña a disposición da Consellaría de Educación e do CEIP Ribadavia o edificio do COLEXIO DA ALAMEDA para ser un espazo destinado a mellorar e reforzar as medidas de prevención, distanciamento e a seguridade neste curso especial que vai comezar.

4.      Que o Concello e a Dirección do CEIP Ribadavia realicen un Plan / protocolo de Emerxencia para o Centro, xa que son os responsables da súa realización e a día de hoxe aínda non existe.

5.      Que o Concello de Ribadavia deamos o noso apoio ao IES RIBEIRO e sexamos activamente defensores das súas peticións e reclamacións para o inicio dun curso seguro para todos e todas.

6.      O Concello de Ribadavia dá o seu apoio á rede dos CRA AMENCER de Ribadavia, e ao seu apoio ao seu modelos pedagóxico, para que nunca sexan vítimas dos mesmo recortes que pecharon a Alameda da man da dirección do CEIP e da complicidade do goberno local de Ribadavia. O Concello como institución debe defender sempre un modelo educativo máis natural e próximo. Modelo que cada vez ten maior demanda nos países e zonas máis ricas e desenvolvidas, e que é o modelo contrario ao que a equipa directiva do CEIP e o Concello defenderon nestes meses co peche da Alameda e o agrupamento masificado de nenos no CEIP Ribadavia. O Concello sempre defenderá un modelo educativo como base para unha sociedade máis libre e igual.

7.      Dar traslado destes ACORDOS á Xunta de Galicia e a delegación  provincial de Educación, a todos os centros educativos do noso municipio e da nosa comarca, e as ANPAS dos respectivos centros escolares de Ribadavia. Así como a súa publicación nos medios de comunicación de maior tirada dunha “Declaración do CONCELLO DE RIBADAVIA de reclamación á XUNTA de medidas de reforzamento dos protocolos de seguridade no inicio do curso escolar en todos os Centros Educativos  do municipio de Ribadavia”.