A Deputación aproba o plan de axudas EmergOU para reparar as infraestruturas municipais danadas nas riadas de decembro

O programa, debatido no pleno ordinario de abril celebrado esta mañá, conta cun orzamento de 500.000 euros. Os concellos que se adhiran a esta convocatoria extraordinaria de axudas poderán optar a unha achega de 25.000 euros e ata o 40 % do custo do proxecto

A corporación deu o visto bo a un crédito extraordinario de 628.000 euros, destinados á adquisición de maquinaria para previr lumes forestais en trece concellos, no marco do convenio asinado coa Consellería do Medio Rural

AVANTAR ACTIVIDADES

Na última sesión do mandato aprobouse definitivamente o paso a xestión indirecta do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, así como a nova ordenanza para o depósito de entullos procedentes de obras de construción e demolición

O pleno acordou a adhesión da Deputación á Spain Film Commission, dando así un paso máis logo da creación hai un ano da Ourense Film Commission para a promoción da provincia na industria das rodaxes

Dúas proposicións recibiron o apoio unánime da corporación: a solicitude de mellora dos servizos ferroviarios de media distancia en Galicia e a petición de axudas para familias con menores que padecen enfermidades oncolóxicas e que deben ser tratados fóra da provincia

Ourense, 28 de abril de 2023.- O pleno da Deputación de Ourense, reunido esta mañá en sesión ordinaria correspondente ao mes de abril baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases que rexerán o programa EmergOU, un plan provincial de cooperación cos concellos para a recuperación de infraestruturas municipais danadas como consecuencia das riadas rexistradas entre o 26 de decembro de 2022 e o 1 de xaneiro de 2023. 

Poderán optar a esta convocatoria extraordinaria de axudas aqueles concellos nos que, segundo os datos de Meteogalicia, se rexistrasen máis de 45 l/m2 de precipitación acumulada entre os citados días, provocando emerxencias e danos en instalacións públicas que precisaran de acondicionamento, reparación, limpeza, retirada de materiais, mellora ou reconstrución. 

O programa EmergOU conta cun orzamento de 500.000 euros. Cada concello que se adhira ao plan disporá dunha axuda máxima de 25.000 euros e ata o 40 % do custo total do proxecto, requiríndose un investimento mínimo de 50.000 euros. Cada entidade local poderá presentar un único proxecto coas reparacións executadas nunha infraestrutura, tendo un mes de prazo para rexistrar as solicitudes contando a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP. A data límite para ter realizadas e pagadas as obras será o 30 de setembro deste ano.

Modificación de créditos para maquinaria de prevención de lumes e actividades culturais

Ademais de aprobar a conta xeral da Deputación de 2022, incluído o Inorde e os consorcios provinciais contra incendios e Augas de Valdeorras, tamén saíu adiante unha modificación de créditos por un importe superior a 828.000 euros, con cargo ao remanente de tesourería.

Desta cantidade, algo máis de 628.000 euros corresponden a créditos extraordinarios destinados á adquisición de tractores e apeiros para a prevención de lumes forestais. Esta acción enmárcase no convenio asinado o pasado mes de marzo entre a Deputación de Ourense e a Consellería do Medio Rural, para dotar con esta maquinaria a trece concellos: Baños de Molgas, O Bolo, Castro Caldeas, Entrimo, Gomesende, Manzaneda, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Taboadela e Vilar de Barrio. 

Os 200.000 euros restantes que figuran no expediente son para o financiamento de actividades culturais. Ademais, este expediente inclúe o cambio de finalidade ou destinatarios das axudas concedidas a sete concellos e tres entidades, sen que estas variacións supoñan un cambio cuantitativo no vixente orzamento.

Xestión indirecta na recollida e tratamento de residuos urbanos

No último pleno deste mandato, a corporación aprobou tres asuntos relacionados coa recollida e tratamento de residuos urbanos e aqueles procedentes das obras de construción e demolición.

En primeiro lugar, o pleno aprobou definitivamente o paso a xestión indirecta do servizo intermunicipal de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos. En decembro de 2021 acordárase o paso a este modelo por entender que era a forma máis adecuada para prestar o servizo. Agora, tras desestimar as alegacións presentadas no período de exposición pública e de acordo coa correspondente memoria xustificativa, ratifícase que a fórmula máis axeitada para este servizo é a xestión indirecta, que se prestará seguindo o previsto na lei de contratos do sector público. Isto é un contrato de servizos con prestación directa a favor da cidadanía ou un contrato de concesión de servizos.

No que se refire á recollida de residuos procedentes de obras de construción e demolición, a nova ordenanza pretende contribuír á eliminación de vertedoiros incontrolados e a unha xestión na que se priorice a prevención, reutilización, reciclaxe e valorización, así como o depósito controlado cando non haxa alternativas. Este servizo prestarase na planta de tratamento situada en Morgade, no concello de Xinzo de Limia. A normativa leva aparellada unha segunda ordenanza, aprobada tamén no pleno, que establece as tarifas para a prestación do servizo.

Potenciar a industria das rodaxes

O pleno acordou a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Española de Comisionados de filmacións, cine e televisión (Spain Film Commission), dando así un paso máis logo da creación hai un ano da Ourense Film Commission como órgano responsable da estratexia de impulso ao sector audiovisual na provincia.

A Spain Film Commission ten como obxectivo a coordinación da rede de “film commissions” e “films offices”, a promoción internacional de España como destino de rodaxes audiovisuais, a interlocución coa administración central, territorial e municipal para potenciar a industria das rodaxes, a colaboración coa administración para a creación dun sistema de incentivos fiscais eficiente, a apertura de novos mercados internacionais e o impulso do turismo cinematográfico.

Por outra banda, ao comezou da sesión deuse lectura a unha declaración institucional de apoio e recoñecemento ás necesidades das persoas afectadas por lupus, unha enfermidade pouco coñecida e cunha incidencia en España que alcanza os 210 casos por cada 100.000 habitantes. A Federación Española de Lupus, promotora desta declaración, pide ás administracións que apoien ás persoas que padecen esta doenza, sen cura nin tratamento efectivo, impulsando unha maior formación en atención primaria, máis investigación, acceso a novas terapias ou unha revisión da valoración das discapacidades que provoca o lupus.

Mellora dos servizos ferroviarios a axudas para familias con menores enfermos de cáncer

No apartado de proposicións, o pleno aprobou por unanimidade senllas iniciativas para reclamar a mellora dos servizos ferroviarios de media distancia  prestados por Renfe en Galicia, así como unha petición de axudas para familias con menores que padecen enfermidades oncolóxicas e que deben ser tratados fóra da provincia.

Polo que respecta aos servizos ferroviarios, a corporación instou a Renfe e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a ampliar as frecuencias entre A Coruña e Ourense, axustando tamén os horarios para dar un servizo máis eficiente aos viaxeiros que chegan ou regresan dos seus centros de traballo ou estudo. Tamén se pide a creación de seis enlaces diarios en ambos sentidos entre as provincias do sur de Galicia, con novas conexións directas entre Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo, aproveitando a nova liña existente entre Ourense e Conxo e o Eixo Atlántico. 

Ademais doutras actuacións no conxunto do servizo ferroviario galego, solicítase a mellora da conexión entre Ourense e O Carballiño, creando novas relacións e adaptando os horarios; melloras tamén nos enlaces entre Ourense e as comarcas de Lemos e Valdeorras, recuperando os servizos suprimidos pola pandemia; e o aumento dos puntos de venda e atención presencial na estación Ourense Empalme pola previsión no incremento do número de viaxeiros.

Sobre as familias con menores afectados por enfermidades oncolóxicas, o pleno decidiu que o goberno provincial habilite axudas económicas para facilitar os desprazamentos a outras provincias cando así o require o tratamento. Tamén se insta á Xunta de Galicia ao reequilibrio da atención sanitaria en oncoloxía pediátrica, creando no CHUO unha unidade específica que atenda aos menores de todo o interior da comunidade.