A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do Concello do Carballiño, Silvia Baranda Fernández, participou onte no foro “Cooperación municipalista. Novos enfoques para vellas fórmulas: irmandamentos e axuda humanitaria”, que tivo lugar no Espazo HI Coruña, na cidade da Coruña, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Unha xornada de debate e intercambio de experiencias entre diferentes concellos e entidades de toda Galicia que, coma O Carballiño, apostaron no seu momento por establecer vínculos con municipìos e colectivos de outros países.
Así, Silvia Baranda foi unha das ponentes na mesa de debate “Da alianza á acción”, onde participaron tamén Egoitz Luisa Urkola, alcalde do de Anoeta, irmandado coa daira do campamento saharaui Echraifia; Juan González Pérez, alcalde do Concello de Nigrán, irmandado coa Cámara Municipal do Tarrafal (Cabo Verde) e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; Eladio Jardón Ferreiro, asesor do Concello de Xinzo de Limia, irmandado co goberno provincial de Tungurahua (Ecuador), e Marta Calderón del Toro, especialista principal en Cooperación e Relacións Internacionais da Oficina do Conservador da Cidade de Santiago de Cuba, irmandada con varios municipios.

No caso do Carballiño, Silvia Baranda espuxo a súa visión sobre as relacións que o Concello do Carballiño, por medio da Área de Turismo, vén establecendo tra-lo irmandamento co municipio de Alijò, enclavado na rexión do Alto Douro de Portugal, tendo en conta a súa importancia como zona vitivinícola con características comúns coa Denominación de Orixe Ribeiro, á que pertencen as parroquias carballiñesas de Banga, Barón e Cabanelas.
A concelleira tame´n fixo referencia ao máis recente irmandamento co municipio de Noventa Padovana, en Venecia (Italia), unha unión xurdida ao redor da súa ‘Fiera del Folpo’, unha celebración gastronómica de exaltación do cefalópodo semellante á carballiñesa ‘Festa do Pulpo’, declarada Festa de Interés Turística Internacional e que cumpríu este ano a súa 64ª edición.

















