A exposición “Parecerse a uno mismo, tal vez”, comisariada por Alberto Carton, reúne traballos realizados entre 2005 e 2026 e poderá visitarse do 13 de novembro ao 10 de xaneiro
Escultura, fotografía, colaxe, pintura e produción literaria dialogan nunha mostra que explora a transformación dos obxectos cotiáns en creación artística
Ourense, 13 de novembro de 2026.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu esta tarde a inauguración da exposición de Rosendo Cid “Parecerse a uno mismo, tal vez”, unha proposta que reúne diferentes series e obras individuais realizadas entre 2005 e 2026. Comisariada por Alberto Carton, a mostra poderá visitarse ata o 10 de xaneiro de 2027, tal e como explicou o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, no acto de inauguración.
O artista ourensán regresa así ao espazo provincial onde en 2007 presentou “Un minuto de arte (aprox.)”, unha das súas primeiras exposicións individuais. Nesta ocasión, o percorrido permite achegarse á evolución da súa linguaxe creativa ao longo de máis de vinte anos, a través de disciplinas e materiais diversos.
A exposición reúne escultura en pequeno formato, fotografía, colaxe, pintura e intervencións sobre diferentes soportes. O aproveitamento de materiais atopados, a reutilización de madeiras, marcos e bastidores e a transformación de obxectos cotiáns ou de refugallo constitúen un dos fíos condutores do traballo de Cid. A súa mirada outorga novos significados a elementos aparentemente mínimos e convérteos en punto de partida para a reflexión e a creación.
Dos primeiros traballos ás creacións máis recentes
O percorrido conecta pezas da serie “Esculturas de un minuto”, de 2005 e 2006, con propostas recentes como “Derivas”, realizada en 2026 e pertencente á serie “Monumentos posibles”. Esta última obra está composta por 128 pezas sobre un soporte de madeira intervida e expresa o interese do autor polas posibilidades artísticas dos pequenos elementos.
A selección inclúe tamén traballos de series como “Esculturas de andar por casa”, “Fragmentos de una obra inacabada” e “Objetos espontáneos”, así como a obra “Máis alá “De catro a catro”, de 2024, vinculada ao poeta Manuel Antonio.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A dimensión literaria completa a proposta cunha selección da produción escrita e editorial de Rosendo Cid, que permite coñecer os intereses e as reflexións que acompañan a súa práctica artística.
Con esta exposición, o Centro Cultural Marcos Valcárcel ofrece unha oportunidade para descubrir as conexións entre as distintas facetas do creador ourensán e achegarse a unha obra que atopa na observación do cotián un territorio de experimentación.

















