BNG propón a xestión pública e directa dos dispositivos de protección das vítimas de violencia machista

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Co obxectivo de garantir a súa eficacia, a candidata do BNG defende tamén a transferencia a Galiza coa dotación de recursos suficientes

Fronte ao rearme do machismo, Noa Presas reivindica a necesidade de blindar e avanzar na conquista de dereitos e reforzar os servizos públicos

Ourense, 13 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, defendeu a necesidade de reforzar os mecanismos públicos de protección das vítimas de violencia machista e propuxo que Galiza asuma a xestión pública e directa dos dispositivos de control telemático, incorporando as melloras necesarias que permitan rematar cos problemas de cobertura e coas situacións de revitimización que se están a producir.

Nun encontro con mulleres celebrado na cidade de Ourense, Presas advertiu de que, ante o rearme do machismo que se está a experimentar a nivel internacional e tamén “no noso contexto máis próximo”, a resposta “non pode ser dar pasas atrás, senón impulsar novos avances en igualdade e protexer os dereitos das mulleres”.

“A violencia machista é o problema máis importante que temos que afrontar como sociedade e non podemos permitir que os instrumentos que deben protexer as mulleres acaben xerándolles máis inseguridade ou obrigándoas a revivir situacións de angustia” sinalou a candidata. Neste sentido, considerou imprescindíbel que os sistemas de control telemático funcionen con todas as garantías, sen fallos de cobertura e cunha atención centrada nas necesidades das vítimas.

A candidata nacionalista incidiu en que a protección das mulleres debe ser unha responsabilidade plenamente asumida polas administracións públicas. “Non podemos deixar en mans de terceiros un servizo esencial como a protección da vida e da integridade das mulleres. Defendemos unha xestión pública e directa, con medios suficientes, para dar resposta a esta lacra e garantir que os dispositivos cumpran a súa encomenda” aseverou.

“O BNG defenderá no Congreso políticas feministas ambiciosas que permitan seguir conquistando dereitos e non deixando a ningunha muller atrás” afirmou con contundencia Noa Presas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O feminismo galego fronte a onda reaccionaria

Por último, a candidata do BNG reivindicou a loita do movemento feminista galego na conquista de dereitos e espazos que historicamente lle foron negados ás mulleres. “Nada do que hoxe temos foi un agasallo. Cada avance foi froito da mobilización e da loita colectiva, pero sabemos que queda moito camiño por percorrer para rematar coas fendas e discriminacións que seguimos a sufrir” evidenciou. Sobre todo, recalcou, nun momento onde se está a producir o rearme do machismo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------