Presas erixe o BNG como “a única forza política” que poderá impulsar un tren con frecuencias e horarios dignos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O BNG porá enriba da mesa medidas para potenciar o uso do ferrocarril, a comezar pola recuperación de todos os horarios con parada na Gudiña

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Noa Presas afirma que o BNG “sae a por todas nesta campaña electoral” para que a voz de Ourense se escoite en Madrid

Ourense, 13 novembro 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense ás eleccións xerais, Noa Presas, defendeu a necesidade de impulsar un novo modelo ferroviario que dea respostas ás necesidades de mobilidade das comarcas ourensás e garanta frecuencias, horarios e conexións dignas para a veciñanza. Presas asegurou que o BNG será a forza que leve esta reivindicación ao Congreso e traballe para converter o tren nunha alternativa real de transporte para Ourense.

Durante o primeiro día de campaña electoral, Noa Presas anunciou que o BNG porá enriba da mesa medidas concretas para potenciar o uso do ferrocarril, a comezar pola recuperación de todos os horarios que tiñan parada na Gudiña. “Non podemos aceptar servizos ferroviarios que só atenden ás necesidades da Meseta. O tren ten que servir para conectar o territorio, facilitar os desprazamentos diarios e garantir que vivir no interior non signifique ter menos oportunidades” enfatizou.

Presas incidiu en que a política ferroviaria non pode limitarse a grandes anuncios sobre infraestruturas, senón que debe acompañarse de servizos que atendan ás necesidades reais da veciñanza: “con frecuencias e horarios adaptados que faciliten os desprazamentos diarios”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A cabeza de lista subliñou que estas reivindicacións necesitan unha voz propia en Madrid, fronte a unha hemeroteca que deixa por fóra os partidos estatais, que traballe para facer realidade estas demandas da cidadanía. “O BNG é a única forza política que vai defender estas necesidades, coas mans libres para exixir que se cumpra con Ourense” reivindicou.

Por último, Noa Presas asegurou durante esta primeira xornada electoral que o BNG “sae a por todas para facer historia e conseguir por primeira vez representación nacionalista por Ourense no Congreso”. Para a candidata, Ourense necesita ambición, propostas e capacidade de negociación “e iso pasa por conseguir máis representación do BNG, tamén por Ourense”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------