O Psdeg-Psoe urxe ao concello de Ourense a pór en marcha un plan de prevención do acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico e a facer de Ourense un destino lgtbi-friendly

Os socialistas alertan da alarmante proliferación dos delitos de odio por cuestións de orientación sexual ou identidade de xénero e instan ao PP a deixar de “branquear o discurso homófobo da ultradereita”

Publicidade

Lembran que Ourense ostenta “o triste récord” de ser a única cidade galega que careceu de programación municipal polo Orgullo 2021 e denuncian “o nulo compromiso coa diversidade” do goberno local

Ourense, 7 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de instar ao Concello de Ourense a elaborar e pór en marcha, de forma inmediata, un plan municipal de prevención do acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico, así como a dar os pasos necesarios para facer da cidade un destino LGTBI-friendly de referencia, en cumprimento dos acordos plenarios aprobados pola corporación local en 2016 e 2018, e ante o alarmante aumento de delitos de odio motivados por cuestións de orientación sexual ou identidade de xénero nos últimos meses.

“Ourense ostenta o triste récord de ser a única cidade galega sen programación polo mes do Orgullo”, lamentou a concelleira Concha García, ao tempo que asegurou que o desleixo do executivo encabezado por Jácome pon de claro manifesto o seu “nulo compromiso coa diversidade”, unha cuestión que para os socialistas é “fundamental” para reivindicar unha sociedade “máis xusta, igualitaria e libre”.

Neste sentido, García esixiu que o goberno local dea cumprimento de dúas iniciativas socialistas que foron levadas a pleno durante o anterior mandato do Partido Popular e que a día de hoxe seguen “pechadas nun caixón”. Concretamente trátase dunha moción de xuño de 2016 na que o PSdeG-PSOE instaba ao goberno local a elaborar un plan municipal para prever o acoso ao colectivo LGTBI+ e a establecer medidas educativas para abordar a pluralidade familiar, sexual e de xénero nos centros de ensinanza; e outra iniciativa de xullo de 2018 na que os socialistas pedían unha campaña de promoción de espazos libres de LGTBIfobia na cidade e a declaración de Ourense como cidade LGTBI-friendly.

“Como ben sabemos, o dereito a unha educación sen discriminación por identidade de xénero ou inclinación sexual está recollida na Convención sobre os Dereitos do Neno do ano 1990, e debe ser obxecto de acción permanente na axenda social e política”, sinalou a concelleira socialista, quen reclamou que o goberno local adopte “un compromiso serio” en traballar nun programa municipal para deter o acoso homofóbico, bifóbico e transfóbico, “como xa vén demandando o grupo municipal socialista dende o 2016”.

A concelleira defendeu que “as entidades municipais teñen un papel fundamental para promover unha ensinanza sen discriminación por homofobia e transfobia, posto que a Lei Reguladora das Bases de Réxime Local recolle o dereito dos municipios para exercer competencias propias en materia de educación”, polo que dende o grupo municipal socialista urxen a posta en marcha de “plans específicos contra o acoso LGTBI+” por parte do goberno local.

Retroceso democrático

Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, lembrou que “os acontecementos dos últimos días evidencian algo que o Ministerio do Interior xa puxo sobre a mesa; que os delitos de odio por cuestións de orientación sexual ou identidade de xénero están por riba de outros cometidos por cuestións de raza ou etnia”.

Neste sentido, o socialista amosou a súa repulsa ante a actitude do Partido Popular, a quen acusa de “branquear o discurso homófobo de grupos de ultradereita que desencadean un retroceso democrático para esta cidade e para este país”. Ademais, Villarino apelou á necesidade de que o Concello de Ourense deixe atrás a “pasividade”, posto que “alenta a normalización da homofobia”. 

“Telmo Ucha dixo que non estaba na súa axenda ter ningún tipo de acto nin consideración polo día do Orgullo cara a colectivos que hoxe precisan apoio social. Os socialistas avogamos por outro xeito de actuar, que ten que ver cunha sociedade avanzada, algo polo que temos que loitar todos e defender hoxe máis que nunca”, concluíu.