O Concello de Piñor, a través do Programa de Educación e Apoio Familiar (financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027) pon en marcha o concurso de postais de Nadal “A caixa dos agasallos invisibles de Crecipiño”, unha iniciativa que pretende implicar os máis novos na celebración destas datas, promovendo valores como o cariño, a amizade, a solidariedade, o respecto, a convivencia familiar e a axuda aos demais.
Nesta ocasión, Crecipiño, a árbore e a mascota do Programa de Educación e Apoio Familiar, terá unha misión moi especial: encher a súa caixa cos agasallos máis valiosos, aqueles que non se poden mercar nin envolver, pero que fan que a vida sexa máis bonita. Os participantes deberán elaborar unha postal na que Crecipiño apareza coa súa caixa de agasallos invisibles, representando artisticamente algún destes valores ou calquera outro que consideren importante para vivir un Nadal especial.
O concurso está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, que poderán participar cunha única creación artística de tamaño medio folio A4. Admitiranse traballos realizados mediante debuxo, pintura, collage ou calquera outra técnica artística. É importante consultar as bases publicadas na sede electrónica e no propio concello, para que os traballos entregados cumpran as condicións para poder ser aceptados no concurso.
O prazo de presentación estará aberto do 13 ata as 15,00 horas do 30 de novembro. Os traballos deberán entregarse no Concello de Piñor, seguindo as indicacións recollidas nas bases do concurso.
Un xurado integrado por membros do equipo de goberno e persoal municipal vinculado coa temática valorará a orixinalidade, a creatividade, a calidade artística e, especialmente, a capacidade de transmitir unha mensaxe relacionada cos valores do Nadal. O traballo gañador converterase na postal oficial de felicitación do Nadal 2026 do Concello de Piñor e darase a coñecer o día 1 de decembro a través das redes sociais municipais.
Ademais, haberá un agasallo para todos os nenos e nenas participantes e premios especiais para os tres traballos máis votados. A entrega realizarase no marco das actividades de Nadal organizadas polo Concello.
Con esta iniciativa, o Concello de Piñor quere ofrecer aos nenos e nenas un espazo para expresar a súa creatividade e, ao mesmo tempo, lembrar que os mellores agasallos non sempre son materiais: un abrazo, unha mostra de cariño, compartir tempo en familia, axudar a alguén ou facer sentir ben aos demais son tamén agasallos capaces de facer que o Nadal sexa especial.
















