O Concello de Ribadavia desenvolve, baixo o lema “Ribadavia contra a violencia de xénero”, unha ampla programación que combina educación en igualdade, sensibilización e participación cidadá con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. As propostas implican os centros educativos do municipio e achegan aos espazos culturais e sociais actividades para diferentes idades, cun calendario que se prolongará ata o 1 de decembro.
O acto central terá lugar o 25 de novembro, ás 13.00 horas, na Praza Maior, coa lectura do manifesto contra a violencia de xénero. Esta convocatoria será un punto de encontro para expresar o rexeitamento colectivo ás violencias machistas e reivindicar unha sociedade igualitaria e libre de violencia contra as mulleres.
A prevención desde as primeiras etapas educativas ocupa un lugar destacado na programación, que este luns 16 de novembro inclúe a xornada informativa “Sementes de cambio, erradicando a violencia sexual”, dirixida a rapaces e rapazas de 14 anos no IES O Ribeiro. Ademais, a Casa da Cultura acolle desde hoxe unha exposición artística contra a violencia de xénero, con obras realizadas polo alumnado do CEIP Ribadavia, do CRA Amencer e do IES O Ribeiro, que poderá visitarse ata o 30 de novembro.
As propostas para a comunidade educativa continuarán o 26 de novembro cun contacontos teatralizado pola igualdade, que se desenvolverá no IES O Ribeiro para o alumnado de Educación Infantil do CEIP Plurilingüe e do CRA Amencer. Pola súa parte, os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Ribadavia participarán os días 30 de novembro e 1 de decembro nos obradoiros “Estereotipos de xénero”.
O vindeiro venres, 20 de novembro, de 17.00 a 19.00 horas, O Taller acollerá un obradoiro de pintado de camisetas con mensaxes contra a violencia de xénero. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico nereaestevez12@gmail.com. Tamén se celebrará un curso de defensa persoal dirixido a mulleres e mozas de todas as idades, con sesións os días 20 e 27 de novembro, de 17.00 a
19.00 horas, no pavillón do CEIP Plurilingüe. As inscricións poden realizarse no correo servizossociais@ribadavia.es ou no teléfono 988 472 403.
Entre o 24 e o 28 de novembro, os centros sociais do Concello de Ribadavia serán escenario de obradoiros de autoestima e prevención da violencia, en horario de 16.00 a 18.00 horas. A programación inclúe, ademais, un curso en liña de igualdade e corresponsabilidade, que remata este luns 16 de novembro, e xornadas presenciais de sensibilización sobre estas materias. Tras a sesión celebrada o pasado 5 de novembro en Ribadavia, a seguinte cita terá lugar hoxe na Franqueirán, de 16.00 a 20.00 horas.
Con este conxunto de actividades, o Concello de Ribadavia reafirma o seu compromiso coa prevención da violencia de xénero, apostando pola educación, a sensibilización e a participación da veciñanza como ferramentas fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria. A programación busca implicar persoas de todas as idades na construción de relacións baseadas no respecto, na igualdade e na corresponsabilidade, reforzando a importancia da implicación colectiva na loita contra as violencias machistas.

















