Pontón apela ao voto das persoas maiores: “Coa vosa forza defenderemos en Madrid subir as pensións mínimas até o SMI”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Noa Presas: “Precisamos un BNG forte para conseguir máis avances: as persoas maiores en Ourense son un piar que temos que coidar”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O BNG quere sacar as pensións galegas do furgón de cola e advirte contra unha dereita que quere cargarse o dereito a unha vellez digna

Santiago de Compostela, 19 novembro 2026.- O BNG centrou a xornada da campaña do 29N nos problemas que teñen as persoas maiores ante a suba de prezos cun encontro en Ourense cun grupo de pensionistas aos que a portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Noa Presas, acompañaron nunha visita á Praza de Abastos para comprobar as dificultades económica que padece este colectivo debido á carestía da vida. 

Pontón avanzou que o BNG defenderá en Madrid que todas as pensións teñan, como mínimo, a contía do Salario Mínimo Interprofesional (SIM), que vén de situarse nos 1.289 euros e, para iso, apelou ao voto das persoas maiores.

“Se as pensionistas deste País queren que se suban as pensións, necesitamos darlle máis forza ao BNG porque imos defender con uñas e dentes unha subida das pensións mínimas para equiparalas ao SIM e para iso necesitamos ter máis representación, tamén en Ourense, cunha voz clara e forte que vai defender as pensións e os intereses de todos os ourensáns e ourensás”, afondou.

A líder nacionalista recordou que en Galiza hai máis de 700.000 persoas que cobran unha pensión, o 26% da poboación, polo que considerou fundamental de cara ao futuro garantir estas prestacións, máis nun momento no que o PP está cuestionando a viabilidade do sistema público de pensións.

“Fronte a ese intento de recortar un dereito básico da cidadanía, o BNG ten claro que non imos permitir nin un paso atrás, que imos defender non só o sistema público de pensións, entón tamén que esas pensións se melloren porque hai situacións que non podemos dar por boa e cremos que hai que avanzar”, advertiu.

Pontón recordou neste punto que Galiza ten das pensións máis baixas do Estado o que implica unha brecha de 2.600 euros menos ao ano que aínda é máis grave no caso de Ourense, onde esta fenda elévase até unha media de 4.800 euros anuais.    

Por iso, avanzou que o Bloque vai defender “unha axenda galega de pensións” para sacalas “do furgón de cola”, algo do que “non se vai ocupar o bipartidismo”. “Esta é unha reivindicación que só o BNG pon sobre a mesa, polo que necesitamos máis forza en Madrid para defendela”, recalcou.

A portavoz nacional explicou que equiparar as pensións mínimas ao SIM implicaría que persoas que están percibindo agora entre 700 e 1.000 euros obterían incrementos anuais de entre 3.000 e 7.000 euros, unha medida que considerou “de mínimos” porque “hai xente con pensións que malvive” e que beneficiaría a máis de medio millón de pensionistas en Galiza.

Pontón explicou que para subir as pensións o único que fai falta é “vontade política” e, nesta liña, recordou que o Goberno central incremento o gasto militar até os 35.000 millóns de euros, unha cifra que o PP quere elevar até os 50.000 millóns.

“O que queren gastar en armas poderiamos destinalo a subir as pensións mínimas no noso País para que as persoas maiores poidan ter unha vida digna”, argumentou, para incidir a continuación en que o BNG ten claras cales son as prioridades: “Menos gasto militar e máis subir as pensións”.

A axenda galega de pensións que o Bloque vai defender en Madrid inclúe tamén outras medidas como blindar por lei que “as pensións suban, como mínimo, o que sube o custo da vida”, reforzar o complemento para acabar coa brecha de xénero nas pensións, eliminar todas as medidas que favorezan a privatización do sistema público ou que privilexian fondos privados e abrir a posibilidade de que as pensións se poidan financiar a través da vía de impostos a petroleiras, bancos ou grandes grupos “que se están forrando e que se poden gravar para mellora as pensións”.

Pola súa parte, Noa Presas incidiu en que o BNG está centrado nos problemas reais da xente e, por iso, remarcou que é máis preciso que nunca que “vaiamos con forza a este 29N. Neste sentido, pediu unha oportunidade á cidadanía de Ourense para facer historia nestas eleccións e conseguir por primeira vez unha deputada do BNG.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A cabeza de lista ao Congreso por Ourense afirmou que o Bloque é a única forza que se presenta a estas eleccións co aval do traballo feito durante esta lexislatura: “un único deputado do BNG conseguiu subas históricas das pensións mínimas e non contributivas, por riba do IPC, nun 7% conseguindo máis de 30 millóns de euros para as e os pensionistas ourensás”.

Máis forza do BNG no Congreso, engadiu, suporá máis avances sociais e medidas que permitan superar as fendas territoriais e de xénero en materia de pensións nun territorio, Ourense, onde se atopan as pensións máis baixas do Estado. “No BNG temos claro que as persoas maiores en Ourense son un piar que temos que coidar, a maioría da poboación, e queremos que vivan con condicións de traballo e vida dignas” concluíu.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------