Nota de Espazo Común: “o alcalde Fumega volta a exercer de barallocas e castiga aos veciños con recargos nos impostos que prometeu non cobrar

Espazo Común levará unha moción ao vindeiro pleno para que se cumpra co acordado e se lle devolvan os sobrecustos aos que xa pagaron.

Publicidade

AUDIO

Dí o diccionario da Real Academia Galega que un barallocas é “unha persoa que embarulla todo cando fala de tal maneira que non se lle entende”. Esta definición encaixa á perfección co xeito no que o alcalde do Carballiño entende a política. Pensar unha cousa, dicir outra e facer a contraria de todas elas.

Así ante un novo e grave incumprimento da súa propia palabra (adxuntamos audio onde nunha entrevista ratifica o acordo), Espazo Común demandará en pleno responsabilidades e o cumprimento de dito acordo.

Adxuntamos a moción ao respecto:

                                        EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Todos estamos a vivir tempos extremadamente complexos coa crise do COVID-19 e as súas consecuencias. Tivemos que facer cambios no noso xeito de vida e nos nosos costumes para adaptarnos a esta nova realidade. Bueno, todos  non. O alcalde do Carballiño non mudou o seu „modus operandi“ e segue facendo do engano e o barullo a súa ferramenta de xestión principal.

Namentres a meirande parte dos concellos centraron os seus esforzos en dar facilidades a unha cidadanía confinada e preocupada polo futuro inmediato, establecendo liñas de axuda económica, facilitando o pago de impostos e taxas e demáis, o Concello do Carballiño andaba a outra cousa. Puido ser a cantar cumpleanos, a organizar a NON-Festa do Pulpo ou a incidir na política de escaparate á que xa nos ten acostumados.

Non hai mellor exemplo que o fío desta moción, o IVTM (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica). O prazo ordinario de pagamento do mesmo remataba o día 30 de marzo, é dicir, quince días despois de que nos viramos obrigados ao confinamento. Nunha primeira medida, dende o goberno municipal decidiuse o seu aprazamento ata o 30 de abril.

A partires de aí, o absurdo que soe acompañar á xestión municipal fíxose co control da situación. Chegada a derradeira semana dese mes de abril, a situación era a mesma pero cunha aínda maior preocupación sanitaria e económica nos cidadáns.

Sen embargo, o alcalde e o seu equipo decidiron que non procedía unha nova ampliación do prazo.

O día 28 de abril tivo lugar a primeira xunta de voceiros dende o comezo da crise e Espazo Común propuxo como primeira medida urxente, a ampliación deste período ata o 31 de decembro sen recargo algún para os cidadáns. O resto de grupos estiveron de acordo e, finalmente, o alcalde aceptou a proposta. Tal foi así que ao día seguinte foi a unha emisora de radio a confirmalo.

Para sorpresa xeral (ou xa non tanta sorpresa) voltaba a estar enganando a todos.

Así pois, os veciños que acuden agora a facer o pago de dito imposto convencidos de que non se lles ía cobrar sobrecusto algún sobre o principal atopanse coa desagradable sorpresa de que a empresa de recadación sí aplica recargos.

Algo que é de todo punto INACEPTABLE.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que se cumpla o acordado en xunta de voceiros a proposta de Espazo Común e non se cobre recargo algún a tódolos veciños que paguen o IVTM de aquí a fin de ano.
  2. Que se lle devolva o sobrecusto cobrado aos que se viran obrigados por este Concello a abonar recargos no mesmo imposto.