A candidatura socialista pon en valor os 691.000 euros xa executados na primeira fase da senda fluvial do río Sampil, unha actuación que recupera un espazo natural e crea un novo recurso ambiental, turístico e de lecer para a veciñanza
“A senda do Sampil é unha mostra de que cando hai un Goberno socialista comprometido coa provincia, os recursos chegan aos concellos e convértense en melloras reais para a xente. Non falamos de palabras, falamos de obras, de investimentos e de resultados”, sinalan Dacosta e Ojea
Celanova, 19 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Celanova e co conxunto da provincia a través de investimentos que se traducen en mellores infraestruturas, recuperación de espazos naturais e novas oportunidades para os concellos. Un exemplo claro é a recuperación da senda fluvial do río Sampil, unha actuación impulsada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que está a transformar este entorno natural e a poñelo ao servizo da cidadanía.
A candidata do PSdeG-PSOE ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, e a candidata ao Senado, María Fernández Ojea, destacan que a primeira fase do proxecto supuxo un investimento de 691.000 euros, permitindo acondicionar un itinerario peonil de 1,32 quilómetros polas dúas marxes do río. A intervención inclúe pasarelas de madeira, pasos sobre o río e plataformas elevadas nos tramos de maior dificultade, así como camiños de terra nos sectores máis accesibles.
As representantes socialistas subliñan que esta actuación é un exemplo de como os investimentos do Goberno de España permiten recuperar o patrimonio natural e etnográfico, mellorar os espazos públicos e facer máis atractivos os concellos do rural. “Celanova merece investimentos, infraestruturas e oportunidades. E iso é precisamente o que está a facer o Goberno de Pedro Sánchez: apostar polos municipios, atender as necesidades da veciñanza e contribuír a que a provincia de Ourense siga avanzando”, afirman.
Dacosta e Fernández salientan que fronte a quen se limita a facer anuncios e promesas, o PSOE pode presentar actuacións concretas e investimentos que xa se están materializando. “A senda do Sampil é unha mostra de que cando hai un Goberno socialista comprometido coa provincia, os recursos chegan aos concellos e convértense en melloras reais para a xente. Non falamos de palabras, falamos de obras, de investimentos e de resultados”.
O proxecto conta cun convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Celanova. Tras a súa modificación en setembro de 2026, o investimento total previsto ascende a 887.178,35 euros, dos que 675.481,03 euros corresponden á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e 211.697,32 euros ao Concello. Esta actualización permite dar continuidade á actuación e ampliar o compromiso co municipio. A segunda fase continúa a súa tramitación e ten como horizonte de execución o 31 de decembro de 2028.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As candidatas socialistas inciden en que este tipo de proxectos demostran que a aposta polo rural debe ir acompañada de feitos: investimentos, colaboración institucional e infraestruturas que melloren a calidade de vida e contribúan a dinamizar os municipios. “Cando o PSOE goberna, Ourense non queda atrás. Celanova avanza, os concellos melloran as súas infraestruturas e a provincia gaña oportunidades. Ese é o modelo que defendemos: unha provincia con futuro, na que todos os municipios conten”.
Por último, Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea fan un chamamento á mobilización e á concentración do voto no PSdeG-PSOE nas eleccións do vindeiro 29 de novembro. “Está en xogo que Ourense siga contando cun Goberno que inviste, que cumpre e que transforma os compromisos en realidades. O PSOE é a garantía de que a provincia siga avanzando, tamén desde concellos como Celanova”.
















